O Servizo Galego de Saúde, no marco do seu Plan Integral para a Prevención da violencia laboral, está a implantar un sistema de alarma nos ordenadores dos centros de saúde e dos puntos de atención continuada (PAC) de toda a Comunidade, a fin de previr e controlar con “celeridade” calquera situación potencial de violencia, perigo ou urxencia.
Con esta medida, ademais, o persoal sanitario pode acadar un maior grao de protección, minimizando as posibles consecuencias dos incidentes que se poideran dar e fomentando unha cultura de seguridade e prevención nos centros de saúde galegos.
O procedemento para empregalo é moi doado: os centros que conten co chamado botón de alarma terán configurada nas pantallas dos seus ordenadores unha imaxe dun teléfono coa lenda SOS que aparecerá permanentemente no monitor para ser pulsado polo profesional en caso de risco de agresión. Iso permitiralle ao usuario dese terminal (persoal médico, de enfermería ou administrativo) enviar unha solicitude de auxilio ao resto do persoal a través dos seus equipos informáticos para que poidan acudir rapidamente na súa axuda.
Na actualidade, o dispositivo está xa instalado en todos os centros da Xerencia de Atención Primaria da Coruña, e nestes días estase a despregar tamén nas Xerencias de Atención Primaria de Santiago e Ferrol, nas de Pontevedra e Vigo e nas de Lugo e Ourense, polo que antes de finalizar a semana estará dispoñible en todos os centros de saúde da rede sanitaria galega.
Asemade, estase a estudar a posibilidade de estender a súa implantación a outras áreas asistenciais hospitalarias.
A integración dunha cultura de seguridade e saúde na política de recursos humanos é, segundo vén de anunciar o equipo responsable deste proxecto,”unha prioridade do Servizo Galego de Saúde, xa que supón unha garantía da boa calidade da vida laboral dos seus profesionais”. Este é o motivo de que se estea a reforzar o Plan Integral para a Prevención da violencia laboral, mediante a adopción de novas medidas que se constituirán nun proxecto que abarcará distintos ámbitos da organización.
O SERGAS prevén a violencia laboral coa instalación de alarmas nos ordenadores dos centros
Compartir Este Artigo

