A directora xeral de Comercio, Nava Castro Domínguez, abriu a xornada de presentación de resultados de Comercio TEC, iniciativa da Fundación Caixanova en colaboración coa asociación INEO e que contou co financiamento de fondos FEDER e da Consellería de Economía e Industria (a través do IGAPE). Na súa intervención, Castro asegurou que «a innovación e a incorporación das novas tecnoloxías no sector comercial son as pezas clave para a mellora da xestión comercial e son tamén elementos que repercuten no incremento das vantaxes e dos beneficios económicos».
O obxectivo do proxecto Comercio TEC é incrementar e optimizar a competitividade das PEME do sector do comercio a través da incorporación das TIC e nace coma resultado dunha diagnose estratéxica do sector comercial galego elaborada polo Instituto de Desenvolvemento Caixanova. Entre algúns dos atrancos detectados no estudo destacan a reducida información sobre a necesidade de acceso e as vantaxes das novas tecnoloxías e o déficit nas infraestruturas de acceso á Internet en comparación coa media da Comunidade Europea. Para paliar tal situación a directora xeral de Comercio explicou que a incorporación das TIC ao sector comercial é unha das liñas de actuación principais do plan Ágora, Agora Recomercia, «un ambicioso paquete de medidas estratéxicas da Consellería de Economía e Industria para impulsar o progreso e a innovación do comercio de proximidade en Galicia ata o ano 2012».
Neste sentido, a Dirección Xeral de Comercio concedeu máis de 2 millóns de euros para 1.019 subvencións para a adecuación de establecementos comerciais ao seu contorno competitivo durante 2009, convocando tamén axudas para a creación de redes de comunicación para a posta en funcionamento de plataformas que faciliten a interconexión entre os comerciantes e o comercio electrónico, cun investimento superior aos 180.000 euros que beneficiaron a 49 asociacións de comerciantes.
Economía e Industria busca a promoción do comercio galego a través da incorporación das TIC
Compartir Este Artigo
