Nos últimos meses, co gallo da ausencia da tecnoloxía Flash do iPhone e do futuro iPad, comentouse en numerosas ocasións que un dos problemas de non introducir tal tecnoloxía en dispositivos móbiles era o seu elevado consumo de batería, e para desbotar tal mito publicaron un vídeo no que podemos ver a reprodución dun vídeo de YouTube durante 17 minutos empregando Flash 10.1 nun Nexus One, o que saldouse cun consumo do 6% da batería por parte do navegador web do terminal, polo que podemos entender que sería posible incluso ver un par de películas facendo uso dun reprodutor web baseado en tecnoloxía Flash.
De todos os xeitos, medir o consumo de batería nun smartphone é unha tarefa moi complexa, na que inflúen moitos factores, que van dende o tipo de conectividade activada ata a distancia das antenas de telefonía, polo que ter datos uniformes resulta complicado, pero segundo os responsables destas probas de consumo do engadido de Flash para Android, poderiamos asegurar que esta tecnoloxía non drena a capacidade da batería dos móbiles coma suxería xente coma o propio Steve Jobs de Apple.
Tamén cómpre lembrar que a redución de autonomía non era a única pega posta ao uso de Flash nos móbiles, pois existen serios atrancos como a pouca idoneidade dos móbiles para a reprodución de Flash (en boa medida, pola ausencia dun rato informático, o que cambia o xeito de interactuar coas aplicacións) de aí que os desenvolvedores que queiran levar as súas obras a múltiples plataformas deberán ter certas normas en conta para unha boa optimización de contidos.
Vídeo no que comproban o consumo de batería do Flash 10.1 nun Nexus One
Proban que o uso de Flash non afecta gravemente á autonomía dos móbiles
Compartir Este Artigo
