“Innovador, creativo e un exemplo de respeto polo medioambiente”; así calificou a presidenta de Tragsa, María Luisa Graña, ao proxecto gañador da terceira edición do premio de Desenvolvemento Sostible do Medio Rural convocado polo seu grupo empresarial, un proxecto que reúne tradición e tecnoloxía punta de maneira maxestuosa.
Neste concurso, no que participaban medio cento de iniciativas de outros tantos concellos españois, resultou vencedor o proxecto redactado por Antonio Manuel Estévez Prieto, da localidade ourensá de Amoeiro, consistente no aproveitamento da forza da auga para producir electricidade e facer funcionar o sistema de vixianza dun espazo natural do concello.
Serán os vellos muíños da Fervenza do Cachón, en Amoeiro, os que funcionen de novo para dar servizo aos habitantes e visitantes do lugar, porén desta volta non moerán millo nin centeo para facer fariña, senón que producirán a electricidade necesaria para iluminar o patrimonio etnográfico e o paseo desta zona no río Barbantiño, que enmarca unha das fervenzas máis espectaculares de Galicia.
Asemade, esta mesma corrente eléctrica será empregada para manter aceso un sistema de videovixianza cuxas cámaras web, ademais, convertiranse, segundo informan na web de La Voz de Galicia, “en reclamo turístico deste espazo natural, que poderá verse en director e a tempo reeal a través da páxina do Concello na Rede”.
O alcalde do Concello ourensán, Rafael Rodríguez, recibiu o diploma acreditativo da man da presidenta de Tragsa, quen fará realidade este proxecto grazas ao investimento de 60.000 euros para a súa execución.
A iniciativa de Estévez Prieto consiste na colocación nos muíños dunha turbina hidráulica que aproveitará a forza da auga para producir corrente eléctrica do mesmo xeito que o facía antigamente para mover a pedra de moer, só que neste caso, os beneficiarios seremos tódolos internautas que temos devoción polos paraxes naturais galegos.
Amoeiro recupera os seus muíños para crear tecnoloxía sostible
Compartir Este Artigo

