Presentación do filme galego celebrada a pasada fin de semana e coa participación da Real Fiilharmonía de GaliciaTal e como sinalamos onte, O Apóstolo presentouse en pase privado a pasada fin de semana nun acto que pasa por ser a antesala do que será a estrea oficial do filme galego (cofinanciado por internautas e rodado con tecnoloxía stop-motion) no vindeiro Festival de Sitges, a celebrar en outubro coa achega galega na sección Cinema en 3D. Durante o acto de posta en longo celebrada no Auditorio de Santiago, que se acompañou cun concerto da Real Filharmonía de Galicia interpretando a música orixinal do filme, de novo lle choveron os apoios á película que dirixe Fernando Cortizo e produce Artefacto. Un destes apoios veu da man de Alfonso Cabaleiro (secretario xeral de Medios) que, en representación da Xunta, confirmou que o filme recibirá o impulso que precise para a súa promoción internacional. No acto, no que participaron mil persoas directamente vinculadas á rodaxe da película, tamén fixo acto de presenza Juan Vázquez, xerente de Martín Códax, viño oficial da película, quen comentou que a colaboración entre ambas empresas continuará no futuro. Asemade, amosaron o seu compromiso co proxecto os actores Xosé Manuel Olveira Pico, Carlos Blanco, Manuel Manquiña, Celso Bugallo, Isabel Blanco, Pedro Alonso e Jacobo Rey. Por certo que Blanco (que dá voz e imaxe a unha das figuras animadas de O Apóstolo) tivo palabras para agradecer outro dos apoios fundamentais do filme, o que veu da man do lendario actor Paul Naschy, recentemente falecido. Tamén amosou o seu respecto a Atilano Franco, que estivo representado na preestrea polo seu irmán. Na presentación pechada tamén fixeron acto de presenza, entre outros persoeiros do eido político e cultural, Rosa Vilas, directora da Televisión de Galicia; o alcalde de Santiago Xosé Antonio Sánchez Bugallo acompañado de Socorro García, Concellaría de Cultura da cidade, patrocinadora do acto; Xosé Manuel Deira Triñanes, alcalde de Boiro; Rosalía Mera de ROSP Coruña, e Rosario Sarmiento de Fundación Caixa Galicia.