
Nunha segunda fase a abordar a partir do mes de setembro, informan os departamentos responsables destas achegas, acometeranse outras 18 torres adicionais.
O proxecto, que se acompaña dun orzamento de 7,1 millóns de euros ata finais de 2010, vai dirixido a darlle alicerce á actividade produtiva ligada ao subministro de servizos de redes. Deste xeito, abrangue o fornecemento da infraestrutura precisa para que os operadores privados de telecomunicacións poidan dar servizos de accesos de banda larga entre a cidadanía emprazada nas chamadas “zonas brancas” da provincia. Estas, para entendérmonos, son as zonas que as directivas europeas delimitan “en branco” por non contar con equipamentos básicos de banda larga, e nas que (a maiores) non se dan moitas opcións de recibilos.
Segundo apuntan os responsables de Retegal, o desenvolvemento das devanditas solucións “complementarase coa instalación de radioenlaces de alta capacidade e o tendido, na provincia de Pontevedra, de 175 quilómetros de fibra óptica que se sumarán á rede xa existente, e que para a totalidade do territorio galego acadará os 1.855,35 quilómetros no primeiro semestre de 2011”. Estes e outros equipamentos, no caso de Pontevedra, significarán o achegamento de redes cableadas de banda larga ao 80% da poboación en 2013, segundo apuntan as institucións públicas implicadas no proceso. A cobertura complementarase co desenvolvemento de Redes de Nova Xeración e con alternativas a través do satélite.
A día de hoxe e segundo se especifica nos informes do operador público, este conta na nosa terra con 140 centros de telecomunicacións, aos que hai que engadir 270 microcentros. A maiores, subliña Retegal, a extensión actual da rede de fibra óptica chega os 1.054 quilómetros.
Sobre esta infraestrutura física constituirase durante 2010 unha rede de transmisión de alta capacidade mediante tecnoloxía de última xeración con velocidades de 10 GB.
Acceso sen fíos
Outra das actuacións incluídas na iniciativa, informan as entidades que a promoven, é a extensión de redes sen fíos a todos os núcleos de máis de 100 habitantes e todos os de menor tamaño con alta demanda de servizo que non se cubran coas actuacións anteriores. No desenvolvemento desta medida conflúen as actuacións de ambas administracións. Por unha banda, a Deputación de Pontevedra, a través do Proxecto Repoblar “achegará internet a través de redes sen fíos ao 96% da poboación de 55 dos 62 concellos da provincia”, informan. A Administración provincial investirá 5,1 millóns de euros neste despregamento. Por outra banda, o Plan de Banda Larga da Xunta “permitirá incrementar a cobertura da poboación total da provincia con este tipo de redes nun 8%”, sinálase.
Retegal comeza a achegar infraestrutura para levar a banda larga ao rural de Pontevedra
Compartir Este Artigo
