O secretario xeral de Medios, Alfonso Cabaleiro, expresou estes días en Monforte de Lemos a súa satisfacción por levar a esta localidade a exposición itinerante e interactiva do departamento da Xunta que dirixe, Galiciadixital, que poderá visitarse na sede da Asociación Prodeme ata o vindeiro sábado 20 de novembro. Na inauguración participaron o secretario xeral de Medios, Alfonso Cabaleiro, o xerente de Prodeme, Julio Cortiñas, o redactor xefe da TVG, Xosé Manuel Maseda, e o alcalde de Monforte de Lemos, Severino Rodríguez, ademais doutras autoridades e colectivos locais.
Na súa intervención o secretario xeral de Medios lembrou que todos os contidos que se exhiben na mostra están feitos por empresas e universidades galegas e anunciou que, do mesmo xeito que se incluíu na programación de saídas deste ano a visita a centros de persoas maiores e complexos hospitalarios, neste curso escolar a mostra está a visitar tamén varios centros de persoas con discapacidade como o de hoxe, en Monforte de Lemos.
Pola súa banda, o redactor xefe da TVG, Xosé Manuel Maseda, manifestou o orgullo da entidade por celebrar os seus primeiros 25 anos e amosouse “enormemente satisfeito de facelo no escaparate privilexiado da exposición Galiciadixital da Secretaría Xeral de Medios”.
Galiciadixital, que poderá visitarse gratuitamente en Monforte de Lemos ata o sábado en horario de 10:00 a 14:00 e de 15:30 a 19:00 horas, incluirá os seus contidos habituais como o xogo “Aerodeslizadores por Compostela”, no que poderán descender pola zona histórica dunha cidade galega virtual nun futurista “aerodeslizador”. Tamén poderán xogar co canciño “Axóuxere” ou converterse en tiraboleiros do Botafumeiro da Catedral de Santiago por un día, grazas ao tiraboleiro virtual.
Chega a Monforte a mostra Galiciadixital
Compartir Este Artigo
