A responsable da división de ventas de cine de estrea de Imagina International Sales, Beatriz Setuain, estará os días 3 e 4 de decembro na Fundación Santiago Rey Fernández-Latorre para impartir o módulo Introdución á Industria Cinematográfica do curso CICA (Posgrao en Comercialización Internacional de Contidos Audiovisuais), título propio da Universidade da Coruña que organiza o Máster en Produción e Xestión Audiovisual (MPXA).
Durante as sesións, Setuain tratará, entre outros aspectos, as fases de preparación, produción e comercialización dunha película e as funcións de cada un dos axentes que participan no desenvolvemento do proxecto. Ademais, falará dos exhibidores e distribuidores de vídeo e das axudas nacionais e internacionais, así como dos factores que hai que ter en conta na campaña de lanzamento dun produto cinematográfico.
Imagina Internacional Sales, distribuidora do grupo Imagina, creou en 2008 unha nova división de ventas de cine de estrea. Co fin de desenvolvela, a empresa incorporou a Beatriz Setuain como responsable de área para a distribución internacional de películas das empresas do grupo Imagina e doutras afiliadas, como Drive, Zip Films, Rodar & Rodar, ISKRA e DG Producciones. Nos últimos anos Setuain traballou como executiva de ventas internacionais e responsable de marketing internacional na distribuidora Sogepaq, do Grupo Sogecable, con títulos como Mar adentro, Cáotica Ana, Princesas ou Mataharis.
A IV Edición do Curso de Posgrao en Comercialización de Contidos Audiovisuais botou a andar o pasado venres na Fundación Santiago Rey Fernández-Latorre, impartindo as súas 2 primeiras sesións os pasados días 26 e 27 Miguel Ángel Otero, director do Máster en Dirección e Xestión de Comercio Exterior da Universidade de Santiago de Compostela, quen tamén desenvolveu a súa carreira profesional el Televés, Donuts-Panrico, Banco Urquijo, Emitour e Galexport Consultores Internacionales, desenvolvendo varios proxectos de consultoría relacionados coa comercialización internacional de máis dun cento de empresas galegas de diferentes sectores produtivos e é autor dunhas 20 publicacións sobre marketing e estratexias internacionais.
Beatriz Setuain falará en CICA do proceso de creación e posta en marcha dunha película
Compartir Este Artigo
