Os técnicos europeos do proxecto INTERREG IV Digital Local Agenda veñen de valorar positivamente a implantación do Historial Médico Electrónico na nosa terra. Tanto é así, informa a Xunta, que o proxecto galego foi elixido a mellor achega de boas prácticas entre un total de 37 proxectos de dixitalización. Co fin de afondar nesta experiencia concreta do Sergas (vantaxes, atrancos, potencialidade, etc), os técnicos europeos visitarán o vindeiro mes de febreiro o noso país.
A proposta galega, coñecida como IANUS, foi posta en marcha para procurar meirande eficacia á hora de xestionar o historial clínico dos doentes, coa axuda das ferramentas dixitais. Esta iniciativa formalizou a súa andaina en centros hospitalarios de Vigo e Ourense, integrando nun soporte único a información sobre a traxectoria clínica das usuarias e usuarios con indepedencia do espazo médico no que se atopen e no lugar no que residan. Con isto conséguese, entre outras cousas, meirande continuidade asistencial e máis eficacia na toma de decisións dos profesionais da saúde.
Técnicos europeos sinalan o historial médico electrónico como un exemplo de boas prácticas
Compartir Este Artigo
