O Campus do Mar renova hoxe a súa páxina web ofrecendo unha nova faciana do Campus de Excelencia na Rede, onde os usuarios poden atopar unha canle de comunicación efectiva que axuda a estreitar o contacto cos usuarios.
A web, trilingüe en galego, español e inglés, dá a coñecer a fondo o proxecto en todos os seus apartados e permite saber un pouco máis das institucións e empresas que están detrás do Campus do Mar e ir comprobando a súa evolución a través do tempo.
Noticias, reportaxes, vídeos e dossieres de prensa conforma o groso da web, de xeito que se constrúe un lugar de consulta e información dinámico e interactivo que ofrece tamén unha conexión directa co perfil do campus nas diversas redes sociais como Facebook ou Twiter.
Na sección de descargas, os internautas poden acceder ás memorias completas do proxecto que se presentou ao xurado internacional que lle concedeu o recoñecemento de Campus de Excelencia, así como a imaxe corporativa e unha galería fotográfica.
Ademais, a páxina conta cun acceso directo á televisión do Campus do Mar, que nas vindeiras semanas comezará a ter un intenso movemento que marcará o obxectivo de cara ao 2011, con contidos como a lectura das teses de doutoramento que garden relación cos eidos de traballo do Campus do Mar e un ciclo de conferencias internacional que comezará no novo ano. Esta actividade reunirá a través de videoconferencia a algunhas das máis relevantes personalidades do mundo que achegarán os seus coñecementos sobre diversos temas a través de internet permitindo a participación a través dun chat de calquera dende calquera parte do mundo. O ciclo, cunha periodicidade mensual, alongarase durante todo o vindeiro ano.
A apertura da nova web do Campus do Mar coincide no tempo coa publicación das bases do Premio Marine Inova que ten como obxecto recoñecer os proxectos máis innovadores relacionados coas ciencias e tecnoloxías mariñas. Con este certame téntase tamén fomentar a I+D+i entre o estudantado, que deberá preinscribirse na web do Campus do Mar antes deste 28 de xaneiro, aínda que o prazo límite de presentación dos traballos é o vindeiro 12 de maio.
A páxina web do Campus do Mar estrea aparencia
Compartir Este Artigo
