A Consellería de Facenda vén de habilitar a posibilidade de que o contribuínte, ou o seu representante, cumpra de forma telemática todos os trámites relativos ao Imposto sobre Transmisións Patrimoniais e Actos Xurídicos Documentados (ITP-AXD) e, neste mesmo marco, a conselleira de Facenda, Marta Fernández Currás, asinou hoxe un convenio de colaboración co presidente do Consello Xeral do Notariado, Antonio Ojeda Escobar; e co decano do Colexio Notarial de Galicia, José Manuel Amigo Vázquez. En virtude deste convenio este imposto poden tramitarse e pagarse dende a propia notaría na que se autorice a escritura pública sen ter que acudir ás oficinas da Consellería de Facenda.
Marta Fernández Currás salientou que «a tramitación telemática do Imposto sobre Transmisións Patrimoniais e Actos Xurídicos Documentados (ITP-AXD) permitirá diminuír a presión fiscal indirecta, mellorar a eficacia na xestión e reducir os custes administrativos».
O obxectivo deste convenio é o de establecer un marco de colaboración apropiado que permita aos notarios, en representación dos contribuíntes que voluntariamente o soliciten, facer todos os trámites que actualmente teñen que facer na Consellería.
A partir de agora á obriga formal de aportar una copia simple do documento notarial poderase substituír pola remisión dunha declaración informativa ou ficha notarial cos elementos básicos da escritura. Esta ficha debe reproducir fielmente os elementos básicos da escritura, sobre todo aqueles que teñan relevancia a efectos tributarios, velando o notario pola máis estrita veracidade desta, así como pola su correspondencia cos documentos públicos autorizados e intervidos.
A mellora na información subministrada pola ficha notarial permitirá dar un salto cualitativo de grande importancia na verificación de datos das autoliquidacións presentadas polos contribuíntes, xa que será posible automatizar determinados aspectos da comprobación mellorando a eficacia xestora.
Os trámites dos impostos da vivenda poderán facerse telematicamente a partir de xaneiro
Compartir Este Artigo
