Axentes da Policía Nacional detiveron dous propietarios de páxinas web de descargas de estreas cinematográficas como presuntos responsables dun delito contra a propiedade intelectual, na súa modalidade de pirataría cinematográfica. Dirixían os principais grupos de screeners de Andalucía e a Comunidade Valenciana, persoas encargadas de gravar en cines as últimas estreas, para despois montar as gravacións e publicalas nun total de seis sitios web en cuestión de horas tras a súa aparición nas salas comerciais.
Durante 2010 terían copiado e difundido máis de 100 películas que se terían descargado en 2.500.000 de ocasións, o que lles tería reportado importantes beneficios a través de publicidade. Foron desmantelados catro laboratorios audiovisuais situados en Sevilla e Valencia e arrestados tamén dous screeners que, en horarios de baixa afluencia de público, realizaban as gravacións en alta definición. Nalgúns casos as gravacións realizábanse directamente con cámaras de vídeo, e noutros só con gravadoras de audio (para incorporar tal pista sonora a un vídeo xa dispoñible na Internet).
As copias aloxábanse en servizos de hospedaxe web con servidores no estranxeiro por razóns de seguridade e prácticas (estes datos ocuparían moito espazo nos discos duros dos laboratorios). Posteriormente, as películas eran publicadas e comercializadas na Internet, anunciándose para iso en diversas páxinas web a través de diferentes portais. Nestas páxinas publicábanse os enlaces ás películas, sempre arquivos de gran calidade, así como se ofrecían tamén de forma gratuíta multitude de videoxogos ou software informático. Os contidos estaban moi elaborados, ata o punto de que cada película se identificaba co seu cartel promocional orixinal que, ao facer clic sobre el, ofrecía tamén os datos técnicos e a sinopse da obra, mesmo as visitas que tivese alcanzado.
Esta operación policial chega nun momento de moita incerteza, tanto polo bloqueo da Lei Sinde coma polo feito de que en ocasións anteriores os xuíces consideraron que o lucro indirecto das páxinas web que publican as ligazóns ás obras audiovisuais non constitúe delito, aínda que nesta ocasión poderiamos estar ante un escenario radicalmente diferente, por existir unha relación directa entre os responsables das páxinas web e as persoas que achegan os contidos á Rede (o que si podería considerarse delito).
Deteñen aos responsables de varias páxinas web de descargas de estreas cinematográficas
Compartir Este Artigo
