As mobilizacións contra a Lei Sinde continúan dúas semanas despois de ser rexeitada no Congreso dos Deputados. Dende as páxinas web de latabacalera.net, damoslacara.net e hacktivistas.net lanzouse unha mensaxe clara en protesta contra a norma. As tres plataformas, promovidas por creadores anónimos, anunciaron unha iniciativa que consiste nun fotomatón solidario para amosar a oposición á Lei Sinde, que tamén contará cunha versión web.
La Tabacalera é a web dun centro para a cultura libre e autoxestionada dende a que se están a lanzar unha serie de argumentos como no que afirman que «todas somos cultura, todas somos creadoras e moitas vivimos das nosas creacións, sen prohibir a súa difusión e reprodución, e a pesar da falta de apoio institucional e a ausencia de compromiso empresarial».
Por este motivo, estas tres plataformas decidiron participar nas mobilizacións contra unha proposta lexislativa, que segundo afirman, «promoveu o departamento de Estado dos Estados Unidos de América».
Outro dos argumentos vai dirixido directamente en contra da ministra e daquelas voces da cultura que se alzaron nas últimas semanas.
Segundo La Tabacalera, «o mundo da cultura é moito máis grande que o mostrado polos medios para insinuar un apoio maioritario aos plans do Ministerio de Anxos González-Sinde. Non somos Alejandro Sanz, nin Miguel Bosé, nin Javier Bardem, nin Alex de la Iglesia».
Dende a dirección xeral de autoxestión cultural de La Tabacalera, xunto a damoslacara.net e Hacktivistas teñen inivitado a todos os usuarios que estean de acordo cos seus postulados a achegarse e dar a cara nun fotomatón o día 5 de xaneiro no antigo edificio da Tabaqueira de Madrid, co obxectivo de «conseguir unha cultura sen intermediarios, onde sexa posible a liberdade de crear e compartir».
Organizan un fotomatón solidario contra a Lei Sinde
Compartir Este Artigo
