A secretaria xeral da Igualdade, Marta González, a secretaria xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, Mar Pereira, o secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro e o director xeral de I+D+i, Ricardo Capilla, presentaron hoxe os resultados do estudo sobre a Situación das mulleres no Sistema de Ciencia-Tecnoloxía-Empresa de Galicia, realizado pola Unidade Muller e Ciencia, no que se evidencia a situación de desigualdade das investigadoras galegas respecto aos homes.
Na súa intervención, Marta González destacou que a conclusión final que se deduce dos resultados deste estudo é que «os homes se sitúan nos postos máis relevantes, teñen mellores salarios, non se lles esixiu un nivel de formación tan alto para acceder aos postos de máis responsabilidade e desenvolven o seu traballo nas áreas con maior importancia económica e máis valoradas socialmente», unha situación na que ten moito que ver a incorporación máis recente das mulleres, pero que, «entre todos e todas debemos cambiar para lograr un mercado de traballo máis igualitario e unha sociedade máis xusta».
Pola súa banda, a secretaria xeral de Modernización afirmou que a fenda dixital de xénero é unha realidade a día de hoxe, pero comeza a cambiar. Así, destacou que no ano 2010, preto do 56% dos homes fixeron uso da rede fronte a menos do 52% mulleres galegas. Non obstante os datos confirman unha tendencia positiva xa que a porcentaxe de mulleres galegas que utilizan Internet aumentou 5,3 puntos porcentuais no período 2009-2010, permitindo reducir a diferenza no uso de Internet entre homes e mulleres en 3 puntos respecto ao ano 2009.
Mar Pereira indicou tamén que as diferenzas de xénero persisten na actividade profesional do sector TIC. Segundo os datos do Observatorio da Sociedade da Información e da Modernización de Galicia, só unha cuarta parte do persoal empregado nas empresas TIC son mulleres e apenas representan un 13% do total nos postos directivos.
Neste sentido, a responsable de Innovación Tecnolóxica sinalou que o Goberno galego ten presente o necesidade de avanzar cara a igualdade efectiva entre homes e mulleres no ámbito científico e das TIC. Por iso 2014.gal Axenda Dixital de Galicia, a estratexia global da Xunta de Galicia en materia tecnolóxica, recolle que o futuro da Sociedade da Información pasa por dotar á cidadanía das competencias e formación necesarias e por asegurar a participación de todas as persoas en igualdade de condicións. Ademais, a Axenda define unha liña estratéxica de Cidadanía Dixital coa finalidade de consolidar unha comunidade galega competente tecnoloxicamente que poida acceder de xeito igualitario aos contidos e servizos dixitais.
A secretaria xeral da Igualdade, Marta González, foi a responsable de presentar os resultados do estudo, que tal como sinalou, indican que aínda que «de xeito global, son poucas as profesionais da rama da investigación, o desenvolvemento tecnolóxico e a innovación que perciban que neste ámbito existan desigualdades ou discriminacións por razón de sexo, o certo é que os valores, costumes e demais elementos socioculturais impregnan tamén o sector científico-tecnolóxico, que non queda á marxe da sociedade na que vivimos, manténdose aínda bastantes parámetros que indican unha situación de desigualdade».
De feito, indicou González, o estudo demostra que neste eido, existen dúas formas de discriminación: a horizontal, pola que as mulleres se concentran en disciplinas consideradas máis femininas; e a xerárquica ou vertical, pola que nunha situación de igual formación as mulleres están nun nivel máis baixo na escala laboral e teñen máis dificultades para ascender.
O 70% das mulleres que traballan en I+D+i en Galicia fano no sector público, e do total de persoas que traballan no sector privado, só un 33% son mulleres. Na área de investigación que hai máis persoas traballadoras (a das tecnoloxías da información e das comunicacións) só traballan un 4% de mulleres.
As mulleres teñen un nivel de estudos máis alto que os homes, pero iso non se reflicte nas categorías profesionais. A presenza de mulleres redúcese a medida que chegamos aos niveis máis altos da escala profesional, o chamado efecto tesoira. O 61% das persoas que están en postos de dirección de grupos de investigación son homes e, pola contra, o 62% das bolseiras son mulleres.
Ademais, as mulleres teñen unha maior precariedade laboral. Teñen menos contratos indefinidos que os homes (56,4% fronte ao 75,3%) e tamén existen desigualdades salariais, xa que mentres o 25,9% dos homes percibe máis de 2.500 euros mensuais, só o 15,5% das mulleres acadan esa retribución. Pola contra, o 11% das mulleres cobran menos de 900 euros fronte ao 5% dos homes.
Por outra banda, hai máis investigadoras menores de 35 anos que investigadores (63,3% fronte ao 54,9%) e máis da metade do persoal que traballa nesta área está por debaixo desa idade. Ademais, o 38% das mulleres cree que é posible que se vexa na necesidade de abandonar a carreira por motivos familiares -a maternidade sería a causa principal- mentres que a paternidade só condicionaría ao 7,3% dos homes, segundo a súa propia opinión. O 29,1% das mulleres viuse condicionada por eses motivos nalgún momento da súa carreira, o dobre que os homes.
O estudo tamén sinala que o 66,8% do persoal que traballa no sistema de ciencia-tecnoloxía-empresa de Galicia non ten descendencia, e o 71,1% das mulleres non ten fillos ni fillas. A media de fillas/os tamén é diferente, un 0,68% os homes e un 0,47% as mulleres. Todo o persoal considera que as medidas de conciliación son insuficientes, veríanas como útiles para a súa situación profesional e consideran tamén que é máis fácil adoptalas e por suposto facer uso delas se se traballa no sector público.
Un estudo destaca a desigualdade das mulleres no sector TIC galego
Compartir Este Artigo
