
Trátase dunha longametraxe que, segundo explica o seu director, Matías Nicieza, “ten como principal obxectivo que o galego teña presenza visible e audible nun ámbito onde non o tiña”, e vai comezar a rodarse a partir do vindeiro mes de abril.
Segundo informan no xornal dixital LaVozlibre.com, a idea de facer esta película foi de Alejandro Tobar, un escritor lucense afincado en Copenhague que pensou que sería “unha maneira orixinal de dignificar o galego e levalo a ámbitos onde non existía”.
Na elaboración do seu guión (si, malia que moitos de vos pensaredes que no porno non fai falla guión, este proxecto leva guión escrito e de calidade) participaron o propio Tobar e escritores da talla de Xabier Cid, Begoña Paz, e os premios Xerais de Literatura Iolanda Zúñiga e Diego Ameixeiras.
A idea, que se promociona e difunde non só como un proxecto pornográfico en si mesmo, senón como, en palabras do seu director, “un medio para avanzar na normalización do idioma galego”, precisa acadar uns 3.000 euros para a súa realización e os seus responsables veñen de habilitar un sistema de recadación por doazón.
Malia que o film estará dispoñible de balde na Rede, tal e como apuntamos anteriormente, non se descarta que saia en DVD porén os seus responsables insisten en que o obxectivo prioritario non é gañar diñeiro, senón “demostrar que o galego serve para todo”… e tanto.
O título do film inspírase no poema satírico O divino sainete, de Manuel Curros Enriquez, e o argumento narra a historia dunha moza filla de galegos e criada na diáspora que volve a Galicia para acudir á voda dunha amiga súa.
A primeira película porno en galego distribuirase de balde na Rede
Compartir Este Artigo

