Un dos obxectivos da Consellería de Facenda fixados para 2010 era o de conseguir que o 20% das facturas tramitadas pola Administración autonómica fosen electrónicas. Segundo informou este luns 21 de febreiro o departamento da Xunta ao abeiro dun reconto dos froitos obtidos o ano pasado en materia de pagos e dixitalización de trámites na Xunta, o devandito obxectivo xa está acadado. Este e outros datos sobre o Sistema Electrónico de Facturación foron dados a coñecer polo director do CIXTEC, Mauro Fernández, e a interventora xeral da Comunidade Autónoma, Elena Muñoz. Xa en meirande detalle, dicir que as operacións tramitadas de xeito dixital foron 11.306 dun total de 56.252, o que posibilitou (atendendo ao modelo que emprega o Goberno central para calcular a diminución de gasto por evitar facturas en papel) un aforro de custes de 37.700 euros.
En termos máis xerais, a factura electrónica permite un aforro anual só nas dez consellerías da Xunta de algo máis de 187.500 euros, indicou Mauro Fernández. Ao seu xuízo, os beneficios do novo modelo están á vida de calquera e van alén do dito control de gastos. Para os provedores da Xunta, supón máis rapidez e eficacia na recepción dos pagos (cóbrase antes), ao que hai que engadir as vantaxes de manter contacto cunha administración que, grazas ao eido dixital, está aberta as 24 horas do día e non require desprazamentos para este tipo de xestións. Para a propia Xunta de Galicia, minimízanse os custes e optimízanse os recursos.
Mauro Fernández e Elena Muñoz tamén achegaron datos xenéricos ao respecto desta redución dos prazos, acadada en parte grazas ao afianzamento das novas ferramentas tecnolóxico-dixitais. Segundo fixeron saber, a Xunta pagou no transcurso do ano 2010 aos seus provedores nunha media de 28,85 días, o que significa “a superación do compromiso fixado hai un ano de levalo a cabo nun máximo de 45 días”. Asemade, sinalou o director do CIXTEC, este dato significa que a Xunta “foi quen de anticiparse dous anos á lexislación europea sobre pagamentos en menos de 30 días a partir de 2013”. En definitiva, dixo, a galega é a Administración autonómica que está a pagar con meirande axilidade aos seus provedores.
Sobre os modelos de xestión e control destas tramitacións, os responsables de Facenda fixeron fincapé no importante papel que desenvolve o portal electrónico habilitado, que permite entre outras cousas centralizar facturas incorporadas ao sistema e consultar o seu estado de tramitación, “co cal se gaña en transparencia”. A xuízo do director do CIXTEC e a interventora xeral da Comunidade Autónoma, as vantaxes do sistema son de especial importancia nestes tempos que estamos a vivir, nos que empresas de tódolos sectores enfróntanse a dificultades extra por mor da crise económica. Neste senso, afirman, é fundamental fornecer á cidadanía dunha Administración fiable.
Sobre usuarios e facturación
A día de hoxe, un total de 1.360 empresas usan o devandito sistema electrónico de facturación, que conta arestora con máis de 3.500 usuarios rexistrados. Isto permite falar xa duns procesos que non son puntais nin específicos, e que teñen un compoñente de realidade asentada. A traxectoria a seguir polo Sistema Electrónico de Facturación é, a xuízo dos responsables do modelo, claramente ascendente: “Canto máis se coñece, máis se emprega”, aclaran. Por certo que os datos relativos ao pasado recollen que o rexistro tramitou máis de 56.000 facturas e máis de 1.000 millóns de euros de facturación. Este impulso é aplicable ao eido das empresas pero tamén á da propia Xunta, xa que entre as previsións do Goberno galego figura a de potenciar o sistema en tódalas consellerías, no IGAPE e máis no CIXTEC, proceso que se complementará cun impulso a tódolos niveis da Administración Electrónica. “Desde principios deste ano”, informaron, “outros nove organismos dependentes do Goberno galego comezaron a empregar este sistema”. A finalidade vindeira é implantar a facturación electrónica e nas próximas semanas está previsto que saia o primeiro expediente a través de licitación electrónica.
O 20% das facturas tramitadas pola Xunta foron electrónicas
Compartir Este Artigo
