O primeiro tenente de alcalde e responsable da área de Turismo do Concello de A Coruña presentou hoxe a Guía Interactiva, unha web deseñada especificamente para dispositivos móbiles de última xeración, tanto teléfonos como tablets.
A guía foi realizada por unha UTE de tres empresas (Sixtema, Galinus e Imaxin) e contou cunha achega económica do Ministerio de Cultura. O orzamento desta páxina web está preto dos 90.000 euros.
Tal e como explicou Henrique Tello, dende o Concello apostouse por crear unha web e non unha aplicación porque deste xeito pode ser usada por un maior número de plataformas e dispositivos facilitando o acceso dun maior número de usuarios.
A web desenvolveuse integramente con software libre, nunha aposta clara por que os recursos públicos sexan investidos en tecnoloxías abertas e non privativas, fuxindo dos monopolios do software. Nela recompílanse máis de 800 recursos turísticos da cidade, incluíndo edificios, monumentos, museos, hoteis ou restaurantes.
A Guía Interactiva emprega a realidade aumentada o que permite visualizar no dispositivo a realidade e superpoñerlle unha capa con elementos dixitais que permiten obter información sobre o que estamos a ver. Sería o caso por exemplo do palacio municipal: un globo emerxente indica que nel se aloxa o museo dos reloxos, podendo obter se unha explicación deste recurso turístico con fotografías e enlaces de internet relativos ao mesmo. Outro exemplo: se apuntamos un restaurante podemos obter a súa categoría, prezo medio e un teléfono ao que chamar con só premer unha tecla para facer unha reserva.
A información pode consultarse en tres modos distintos: realidade aumentada, plano (forma tradicional, como en Google Maps), e en listados. Tamén se poden facer buscas por palabras clave para atopar un recurso ou outro.
A nova web móbil amosa as súas posibilidades neste vídeo
Presentan unha Guía Interactiva móbil o turismo coruñés
Compartir Este Artigo
