Nas últimas semanas o actor Charlie Sheen estivo moi de actualidade nos EE.UU. por mor do seu polémico comportamento (abusos que incluso levaron á súa hospitalización) e certas declaracións contra os seus compañeiros de traballo, o que forzou á suspensión da serie Dos Hombres y Medio. Estando no punto de mira non se lle ocorreu outra cousa que crear unha conta en Twitter, que sumou seguidores a un ritmo incrible, de xeito que a súa primeira mensaxe chegou a máis de 200.000 usuarios, facendo historia por conseguir superar o millón de seguidores en só 25 horas e 17 minutos, o que vén de ser recoñecido coma record Guinness.
Pero a polémica ao redor do actor non cesa, pois o editor en xefe de RadarOnline, Dylan Howard, asegurou que Sheen non é quen escribe as mensaxes na súa conta de Twitter, senón que un tal Bob Maron encárgase de tal tarefa. Ao parecer, Howard estaba con Sheen nun momento no que o actor chamou dende o seu teléfono fixo ao seu «tweet-master» para comentarlle o que querían que publicase en Twitter. O debate sobre se os famosos deben xestionar persoalmente a súa identidade en liña está servido.
Charlie Sheen supera o millón de seguidores en Twitter en pouco máis dun día
Compartir Este Artigo
