A Rede, tan tecnolóxica, ten capacidade para preservar o que existiu xa moito antes da chegada do tecnolóxico. Por exemplo, as nosas paraxes naturais, hoxe en día ameazas por múltiples frontes de suposto progreso e especies invasoras. Coa arela de contribuír a protexer as que todos coñecemos e outras moitas que fican un pouco máis anonimato (e por isto, probablemente máis ameazadas), creouse marabillasnaturaisgalicia.com, que nos convida a participar nunha votación colectiva para elixir os espazos ambientais que nunca poden faltar de calquera guía turística que se prece de selo.
Ademais, no proceso tamén se porá un especial esforzo en dar a coñecer as que polas razóns que sexa (xeralmente por ser pouco accesibles) fican nun segundo plano. Máis polo miúdo, trátase dunha web para escolmar as dez marabillas do noso patrimonio de entre un total de 72.
Detrás da iniciativa atópase unha empresa de Portugal (radicada en Vilanova de Cerveira, segundo se fai saber na web, que neste punto fica corta en información) que quere repetir na súa terra irmá os éxitos dunha experiencia semellante previamente desenvolvida ao sur do Miño. Segundo nos conta Galicia Hoxe nunha completa reportaxe sobre a iniciativa, o grupo de 72 puntos salientables (que foi escollido por un grupo de expertos) será sometido a un novo proceso de peneirado ao longo deste mes de marzo para chegar aos trinta que van loitar polo privilexio de figurar no top 10 e, logo, no primeiro posto. A final do certame celebrarase no mes de setembro no recinto de Palexco na Coruña.
En opinión da firma responsable desta proposta, o potencial da nosa terra no turismo vinculado á paisaxe é ben alto, e nunha boa parte está aínda sen desenvolver. A web posta en marcha avoga por activar este eido económico, especialmente axeitado (sempre e cando sexa racional e sustentable) para un escenario, o rural galego, que perde poboación e peso produtivo a pasos axigantados.
Segundo conta a empresa e reflicte o xornal compostelán, a experiencia portuguesa (que acadou participación de máis dun millón e medio de persoas) demostra que é posible impulsar este tipo de turismo coa axuda da Rede e das ferramentas 2.0, amais de contribuír á súa preservación.
En marcha unha web para elixir o máis salientable do noso patrimonio natural
Compartir Este Artigo
