No Consello da Xunta de hoxe fíxose balance do uso que está a ter un procedemento posto en marcha pola Consellería de Sanidade para que os profesionais xubilados do SERGAS poidan manter as ferramentas de comunicación (correo electrónico e acceso á Intranet corporativa), así como os acceso a fontes do coñecemento que utilizan no seu traballo cotiá e, deste xeito, dar continuidade a estes servizos como proba de agradecemento polo esforzo realizado durante os seus anos de servizo.
O acceso a estes servizos por parte do persoal xubilado é efectivo dende o 1 de marzo deste ano, e o procedemento a través do que os profesionais de Sanidade poden solicitar a continuidade destas prestacións (Bibliosaúde, correo electrónico e acceso á Intranet do SERGAS) é moi sinxelo, tendo que cubrir e asinar, unicamente, un formulario de solicitude.
O persoal que se xubile a partir da posta en marcha deste procedemento seguirá usando o mesmo enderezo de correo, o mesmo identificador de usuario e o mesmo contrasinal para acceder aos tres sistemas. Para o persoal xubilado antes do 1 de marzo, reactivarase a conta de usuario que tiña o solicitante cando estaba en activo.
O acceso a estes servizos supón, por parte do usuario, a aceptación das condicións de acceso aos mesmos, marcadas pola Consellería de Sanidade, tanto para o correcto manexo do usuario e contrasinal xerado, como as condicións específicas de explotación, sendo o non cumprimento motivo de revogación do servizo.
A biblioteca virtual do SERGAS, Bibliosaúde, está constituída polo conxunto de bibliotecas do sistema sanitario público galego. O obxectivo é poñer á disposición dos usuarios información relevante para a toma de decisións na práctica clínica, a docencia e a investigación, ademais de fomentar a actualización.
A finalidade é difundir o coñecemento científico-técnico nas Ciencias da Saúde a través de Internet, e reunir, nun único sitio, diferentes fontes de información, garantindo a calidade e a actualización dos seus contidos.
A biblioteca virtual do SERGAS é referente en España e posibilita o acceso, dende o domicilio dos nosos profesionais, a máis de 3.100 revistas dixitais de contido científico, ademais de libros electrónicos e bases de datos bibliográficas, superando as 25.000 consultas mensuais.
A Intranet do SERGAS proporciona un acceso centralizado a todos os profesionais da información e servizos ofrecidos pola Consellería de Sanidade. Toda a información presentada está dirixida a complementar a educación, formación, asesoramento e traballo en grupo no ámbito sanitario, permitindo unha capitalización do coñecemento. No pasado ano, a Intranet do Sergas superou os tres millóns de accesos.
Pola súa banda, o correo electrónico é un dos medios máis utilizados polos profesionais de Sanidade para comunicarse entre eles. Todos os membros da organización teñen conta de correo corporativo e o número de mensaxes enviadas por este medio superou os 3,4 millóns no ano.
Analizan o uso por parte dos xubilados do SERGAS dos recursos TIC postos á súa disposición
Compartir Este Artigo
