A campaña de sensibilización a prol do aforro enerxético que a Consellería de Economía e Industria puxo en marcha a través do Instituto Enerxético de Galicia (INEGA) con motivo do Día Mundial da Eficiencia Enerxética e que ten como elemento estrutural o videoxogo interactivo do aforro enerxético protagonizado polo superheroe da eficiencia enerxética, Super-E e a Familia Efi, está a ter unha boa receptividade entre a cidadanía.
Así este xogo virtual, accesible en medios dixitais e redes sociais, ademais de nas páxinas web da Xunta, da Consellería de Economía e Industria e do INEGA, co que se trata de que o usuario constrúa a través de sinxelas pautas, unha casa exemplo de eficiencia enerxética, xa superou nestes nove primeiros días de funcionamento as 10.150 visitas. Isto dá unha media diaria de algo máis de 1.100 persoas.
Do total, 2.868 participantes completaron este xogo que ten como lema Se enerxía queres aforrar pola túa casa debes empezar, o que lle dá acceso a participar nun sorteo final de agasallos correspondente a esta campaña, que fará de xeito aleatorio a propia aplicación como garante de obxectividade.
Os regalos, máis dun cento, consistirán en papaventos, bicicletas, monopatíns, patinetes, bodyboards e cepillos dentais solares e entregaranse nun acto que, presidido polo conselleiro de Economía e Industria, Javier Guerra Fernández, se desenvolverá en Santiago de Compostela o próximo 29 de marzo, e no que tamén participará o director do INEGA, Eliseo Diéguez García.
A maior parte dos visitantes á páxina web do videoxogo do aforro enerxético que estará dispoñible ata o próximo día 25 de marzo (data de finalización da campaña), proceden de Galicia, se ben houbo participantes de 39 países (entre os que se atopan Italia, Portugal, Holanda, Alemaña, Suíza, Uruguai, Finlandia, Arxentina, Estados Unidos, México, Francia, Venezuela, Reino Unido ou Mozambique) e de 89 cidades diferentes.
O videoxogo para formar no aforro enerxético supera as 10.000 visitas
Compartir Este Artigo
