Os usuarios de móbiles Sony Ericsson Xperia X10 tiveron que padecer moitos meses unha versión do sistema operativo Android que xa se consideraba obsoleta durante o lanzamento do seu terminal (o que compensaba con certas aplicacións feitas a medida), o que solucionaron hai pouco cunha actualización a Android 2.1, pero as cousas non rematan aí, senón que agora sorprenden anunciando que están a traballar nunha actualización a Android 2.3.3 que chegaría a primeiros dos verán.
Moitos usuarios perderan a esperanza de poder gozar de actualizacións dos seus terminais por estar a comercializar Sony Ericsson outros móbiles máis avanzados pero, aínda que sexa con certo retraso, esta renovación do software dos Xperia X10 suporá unha segunda vida para os móbiles, aínda que a un prezo, xa que a actualización a Android 2.3.3 carecerá de aplicacións como a da cámara (que destacaba polo recoñecemento facial), Mediascape (que será substituído por widgets e un reprodutor musical como xa acontece nos últimos móbiles de Sony Ericsson), a aplicación de copias de seguridade de Sony Eircsson e incluso a perda dos contidos protexidos por DRM que estean no terminal.
A nova actualización non chegará de xeito tradicional (polo aire) senón que deberá de facerse a través dun ordenador e non terá marcha atrás. Amais, polo momento só está planeada para o X10, de xeito que o X10 mini, mini pro e X8 non contarían con Android 2.3.3 polo momento.
Nun principio Sony Ericsson non pensa lanzar actualizacións posteriores para os Xperia X10, o que pode sorprender por ter saído hai aproximadamente un ano, pero se atendemos á competencia veremos que o soporte de actualizacións dos sistemas operativos é moi inferior ao que debería (pois é razoable pensar que os móbiles terán soporte durante máis tempo do que dura o compromiso de permanencia adquirido no momento da súa compra).
O Sony Ericsson X10 actualizarase a Android 2.3.3
Compartir Este Artigo
