
O conselleiro sinalou que a posta en marcha deste sistema de axuda á explotación permitirá, por primeira vez, que os usuarios do transporte público obteñan a mellor información, dun xeito mais accesible e inmediato, dos servizos de transporte dos que dispoñen. Asemade, as empresas disporán dunha tecnoloxía punta que lles permitirá aforrar combustible, optimizar rutas e, en xeral, efectuar unha máis eficiente xestión do conxunto dos seus vehículos.
Hernández destacou que a aposta da Xunta neste ámbito é moi forte, pois a implantación dun SAE requirirá un importante investimento en marquesiñas, postes e áreas de parada de autobuses, e nos sistemas de tecnoloxía que permitan levar a información do sistema ao conxunto do territorio.
Mostrou a súa satisfacción por que esta aposta é compartida tamén polas empresas, tal e como se puxo de manifesto no Plan de modernización, xa que constitúe o seu primeiro e principal compromiso de investimento.
Tamén resaltou a necesidade de facer unha reflexión e un estudo en profundidade para acertar nas decisións que nesta materia se adopten, de xeito que este investimento sirva para avanzar no obxectivo da modernización do transporte galego.
Os servizos galegos de transporte público de viaxeiros mellorarán grazas a un novo sistema informático
Compartir Este Artigo
