Esta mañá na sede do Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) asinouse un convenio entre o presidente do CESGA e director Xeral de I+D+i da Consellería de Economía e Industria da Xunta de Galicia, Ricardo Capilla Pueyo, e o director do Instituto Español de Oceanografía (IEO), Eduardo Balaguerías, para sentar as bases da colaboración científico técnica entre estes dous organismos.
O Convenio Marco de Colaboración entre o Instituto Español de Oceanografía e o Centro de Supercomputación de Galicia para a cooperación Científico-Técnica en investigación mariña ten como obxecto establecer a colaboración entre o IEO e o CESGA para intensificar, promover e regular as actividades científico-técnicas que contribúan a mellorar a capacidade científica, técnica e formativa das institucións no marco da análise e o coñecemento do medio físico mariño.

Asemade, tanto CESGA como IEO desenvolverán proxectos de investigación conxuntos sobre modelos e simulacións oceanográficas do IEO nos supercomputadores xestionados polo CESGA, e outras actividades de formación e diseminación. O convenio é un importante punto de referencia para o desenvolvemento da Oceanografía Computacional, unha liña de investigación pola que o CESGA fixo unha decidida aposta participando activamente en proxectos europeos de gran calado como MyOcean ou Faros.
O CESGA contribúe tecnoloxicamente á investigación oceanográfica
Compartir Este Artigo
