O Festival de Cans xa comezou coa súa acostumada ración de audiovisual en pequeno formato e creatividade mesturada con moito humor (comezando polo nome do certame, unha brincadeira a conto do glamour do festival francés de semellante nome, aquí substituído por chimpíns e un sentido moi galego de estar no mundo, e non por enriba del). Leas aparte, o tempo e as gañas acompañan, tal e como nos conta a organización, que amenceu este sábado atarefada na gravación dun vídeo clip e un making off inseridos no proxecto Can Campus, unha iniciativa posta en marcha ao abeiro desta oitava edición do festival en colaboración coa Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación de Pontevedra (achegando material técnico) co obxectivo de “fomentar un exercicio de creación arredor dun xénero puxante como é o o do vídeo clip”.
Na gravación, por certo, están a participar arredor de cincuenta persoas, entre veciños, os tres membros integrantes da banda Sinestesia, a directora Sara Pérez, o realizador Juan Lesta e máis súa compañeira na marca SDK Belén Montero.
Lesta e Montero, conta a organización, son os encargados deste proceso creativo que non é novo nin puntual (comezou en decembro na Rede) pero que amosa agora os seus froitos máis visibles coa rodaxe mesma das pezas audiovisuais, convertendo a contorna de Cans nun plató de gravación ao aire libre. O obxectivo do equipo responsable do festival con este Can Campus foi o de converter a aldea en algo máis que unha mostra de curtas: nun obradoiro participativo. O xermolo da iniciativa está en Cans 303, proxecto para a rodaxe de curtas de tres minutos e tres segundos que deu como resultado pezas de gran calidade.
O proceso de filmación deste sábado, como dixemos, comezou xa en decembro, máis polo miúdo cun traballo en liña, tirando partindo das redes 2.0, que serviu para darlle corpo á documentación que precisa unha produción, dende a orixe do libreto ata o plan de rodaxe. A concorrencia da veciñanza, sinalan, foi fundamental, canalizada en boa medida a través da Asociación Cultural Arela. O argumento do vídeo clip é o seguinte: o grupo Sinestesia chega á aldea e coloca unha porta no medio dunha leira, o que xera a curiosidade dos veciños; a partir de aí a xente de lugar comeza a pórlles aos músicos unha serie de trampas para conseguir atravesar a dita porta.
O Festival de Cans acolle a rodaxe dun vídeo clip xermolado en Internet
Compartir Este Artigo
