
O encontro, organizado en colaboración coa Fundación para o Fomento da Calidade Industrial e o Desenvolvemento Tecnolóxico de Galicia, terá lugar o mércores 18 de maio de 2011 en Santiago de Compostela no Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia (Rúa Airas Nunes, s/n – Conxo) de 09:30 a 13:30 horas.
Todas as persoas interesadas en asistir poden inscribirse, de forma gratuíta, enviando o formulario de inscrición ao enderezo info@fundacioncalidade.org.
A xornada será inaugurada ás 9.30 horas pola secretaria xeral de Modernización, Mar Pereira, e por Marta González Vázquez, secretaria xeral da Igualdade da Xunta. Contará a continuación, na conferencia inaugural, coa presenza de José Alberto Díez de Castro, secretario xeral de Universidades da Consellería da Educación, e de Victoria Otero Espinar, decana da Facultade de Matemáticas da Universidade de Compostela.
Ao longo do encontro, avaliaranse cuestións como a situación das mulleres no eido das empresas TIC (facendo especial fincapé nos atrancos que dificultan o afianzamento da súa presenza) ou as diferentes experiencias postas en marcha na nosa terra de cara ao fomento da figura feminina no tecido empresarial ligado á Sociedade da Información. Sobre este último caso, poranse sobre a mesa diferentes casos de éxito de mulleres que puxeron en marcha o seu negocio TIC e conseguiron afianzarse con altas posibilidades de crecemento a medio e longo prazo.
A muller nas novas tecnoloxías, eixe dunha xornada no CNTG o vindeiro día 18
Compartir Este Artigo
