Fotografía de Juan Ortiz da mobilización de hoxe ao redor do Obelisco (A Coruña)En época de campaña electoral parecería normal que fosen os políticos os que ocupasen a actualidade nos medios tradicionais e na Internet, pero o pasado domingo comezou a visibilización dun movemento cidadán baixo o lema de «¡Democracia Real YA!» no que invitaban aos españois a saír á rúa nas principais cidades españolas, o que tivo unha resposta sen precedentes por parte do público (xa que normalmente as convocatorias a través da Internet remataban con asistencias moi modestas) pero unha atención moi tímida por parte dos medios de comunicación de masas, o que non fixo máis que incrementar o pulo deste movemento articulado en boa medida a través de Twitter con hashtags como #15m, #democraciarealya, #spanishrevolution e posteriormente #acampadaprado, #acampadacoruna, #acampadavigo… e moitos outros indicadores dos lugares onde terían lugar mobilizacións tanto o martes como hoxe mesmo, agora con asistencias masivas e polémicas varias (como a prohibición por parte da Xunta Electoral de Madrid da concentración na Porta do Sol, que tivo lugar igualmente). As mobilizacións coñécense internacionalmente como #spanishrevolution (imaxe tomada na madrileña Porta do Sol)Pero aínda que este movemento cidadán estea presente nas rúas de toda España, é na Rede onde está máis patente, con numerosos debates nos que moitos coinciden en esixir unha reforma da Lei Electoral, medidas contra a corrupción política e, en definitiva, un cambio de rumbo político-social. Queda por ver se esta iniciativa é capaz de sobrevivir aos comicios electorais do vindeiro domingo, pero polo momento xa vemos cómo en cidades galegas como A Coruña, Vigo ou Santiago a coñecida internacionalmente como #spanishrevolution está moi viva, e a chamada web 2.0 está a xogar un papel fundamental como altofalante das mobilizacións cidadás.