Un acordo aprobado hoxe no Consello da Xunta recolle que a Administración galega, a través da Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, vai pór en marcha un programa de axudas para que as familias galegas con menos recursos económicos poidan acceder á Internet nos seus fogares.
A Administración autonómica destinará no período 2011-2012 un investimento de 1.470.460 euros para a execución destas axudas, das cales se poderán beneficiar arredor de 8.200, que por ter menos recursos non dispoñían de conexión á Internet no fogar.
Os beneficiarios destas axudas serán as familias residentes en Galicia, que teñan unha renda per cápita igual ou inferior a 9.000 euros e que soliciten unha nova alta de acceso. Para poder acceder á subvención será condición obrigatoria que no domicilio non houbese contratada ningunha conexión á Internet no momento de efectuar a solicitude nin polo menos nos tres meses anteriores á publicación da convocatoria de axudas.
Ademais, os posibles beneficiarios deberán contratar a conexión da Internet cunha das operadoras de telecomunicacións acreditadas previamente pola Xunta de Galicia como entidades colaboradoras.
O programa establece a concesión dunha única subvención por unidade familiar do 40% do custo da tarifa mensual de conexión á Internet a partir do segundo mes de servizo e ata completar un ano, cunha contía máxima de 180 euros e condicionado á permanencia no servizo durante ese período. A alta de liña e o importe dunha cota mensual será asumido pola entidade colaboradora.
As operadoras de telecomunicación, acreditadas previamente pola Xunta de Galicia como entidades colaboradoras, serán as encargadas da tramitación das axudas. Para iso, a Xunta porá á súa disposición unha plataforma telemática para garantir unha xestión totalmente electrónica das subvencións.
Tramitación telemática de licenzas urbanísticas
No mesmo Consello da Xunta tamén deuse hoxe o visto e prace á sinatura dun acordo entre a Consellería de Presidencia, a Secretaría Xeral de Modernización e o Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG), que ten como obxectivo facilitar a tramitación e posterior outorgamento telemático das autorizacións de licenzas urbanísticas desde as Administracións galegas.
O convenio, que se enmarca dentro das acción definidas na Axenda Dixital de Galicia 2014.gal, ten por obxecto a realización de actuacións no ámbito das tecnoloxías da información en Galicia tendentes a posibilitar a solicitude, tramitación e posterior outorgamento telemático das licenzas e autorizacións de obra e urbanismo, así como normalizar e simplificar os procesos de validación e supervisión técnica necesarios para estas.
O Goberno galego financiará a totalidade das accións do convenio, que conta cun orzamento de 149.500 euros e que permitirá poñer en marcha un proxecto con beneficios para todas as administracións galegas e para a cidadanía, que será un exemplo de innovación no eido da administración electrónica a nivel estatal.
