Retegal, o operador público galego, vén de facer balance dos traballos tecnolóxicos despregados ao longo do último ano en materia de equipamentos para reforzar o acceso ás redes de alta velocidade entre a cidadanía. O informe comeza co número de novas torres de comunicacións habilitadas para tal efecto, 58, e máis co número de centros da súa rede onde se deu acubillo a actuacións dirixidas a impulsar a banda larga: un total de 115 centros. Estes traballos, que supuxeron un investimento de máis de 16 millóns de euros neste período, inseríronse no Plan de Banda Larga de Xunta, iniciativa encamiñada entre outras cousas a estender a Internet de alta velocidade naqueles espazos da nosa xeografía que ata o de agora non contaban cunha boa oferta da mesma ou ben era inexistente.
Segundo informa a Xunta, o reforzamento da infraestrutura de Retegal con máis e mellores medios e capacidades é de especial importancia para “optimizar e acelerar a extensión da banda larga”. E continúa: “Esta medida permitirá o aproveitamento de toda a infraestrutura pública actual e consecuentemente a redución dos custos e tempos do despregamento da banda larga na Comunidade”. O investimento previsto para reforzar as infraestruturas de Retegal en toda Galicia acadará os preto de 32 millóns de euros no período 2010-2013.
Por certo que a principal liña de orzamento no reforzo das infraestruturas de Retegal é a ampliación da rede de fibra óptica existente. “Para isto”, infórmase, “estanse a instalar 800 novos quilómetros de fibra óptica que se sumarán aos 1.054,81 xa existentes para conformar unha rede de1.855,35 quilómetros sobre á que se implementarán tecnoloxías de última xeración que permiten a transmisión de datos a unha velocidade de 10 xigas”.
Volvendo ao reconto, dicir que a cifra de quilómetros de fibra estendidos xa é de 600 do total de 800 previstos, ao que cómpre sumar “correspondente electrónica de comunicacións para unir un total de 30 centros de telecomunicacións de operador público distribuídos por toda Galicia e que permitirá a conexión destes á alta velocidade”. Estes centros, engádese, “uniranse tamén co resto dos 400 centros e microcentros de telecomunicacións de Retegal en toda Galicia mediante radioenlaces”.
Retegal habilitou en dez meses 58 torres de comunicación
Compartir Este Artigo
