Esta tarde tivo lugar o WWDC 2011, evento con 5.200 asistentes no que, entre outras cousas, presentaron por todo o algo as novidades que chegarán na actualización de Mac OS X que chegará no verán e que responde ao alcume de Lion e ao novo sistema operativo para dispositivos móbiles de Apple (iOS 5).
Mac OS X Lion
O Mac OS X 10.7 Lion presume de contar con máis de 250 novidades, entre as que podemos destacar a incorporación de xestos multi-táctiles moi semellantes aos de iOS, a posibilidade de correr aplicación a pantalla completa (algo moi habitual no PC, pero que nos equipos de Apple é unha curiosa novidade que incorporarán dende o principio aplicacións como Mail, iPhone, iMovie ou iTunes), Mission Control (unha interface gráfica que facilita unha vista xeral das aplicacións abertas no Mac), actualización da Mac App Store (a tenda de aplicacións descargables para Mac OS X incluirá detalles como as notificacións vía push e actualizacións diferenciais), a opción Resume para continuar unha aplicación onde se deixou no caso de pechala accidentalmente, o auto-gardado de documentos (tamén diferencial para aforrar espazo de disco) e o sistema de compartición de arquivos AirDrop (que facilita o envío e recepción de documentos cos equipos de Apple que estean ao redor).
Esta nova versión de Mac OS X xa está dispoñible en versión de proba para desenvolvedores e a partires de xullo poderá mercarse a través da Mac App Store por 23,99 euros.
O iOS 5 adáptase á nube
O sistema operativo para iPhone, iPod Touch e iPad tamén terá a súa respectiva actualización no outono, que vai ir moito máis aló dunha mera revisión do sistema para supor toda unha evolución da plataforma móbiles de Apple, orientándose á Rede con moita forza.

Nesta última liña Apple presentou tamén iCloud, un servizo de almacenamento na nube que permite gardar documentos, música, fotografías, aplicacións e ata unha copia de seguridade do sistema a través de Wi-Fi ou 3G dende calquera equipo (tanto dispositivos móbiles como de escritorio, incluíndo o PC).
iCloud supón a morte do servizo Mobile Me, e facilita a sincronización de contactos, calendarios e correos como función principal, de xeito que cando un usuario restaure ou merque un novo móbil ou tablet poderá ter a súa información actualizada en poucos minutos.
Este servizo tamén integra distintas funcionalidades como Photo Stream, un álbum dixital sincronizado entre os nosos distintos equipos, que mantén nos trebellos con iOS só as últimas 1.000 imaxes (de xeito que tirará da nube para a nosa galería completa).
A música tampouco quedará nun segundo plano, e iCloud facilitará que as cancións que merquemos en iTunes estean dispoñibles na nube, de xeito que podermos descargalas sen problema dende calquera dos nosos equipos, polo que non precisariamos de mercar varias copias dos mesmos temas. Adicionalmente existe a posibilidade de contratar por 24,99 dólares ao ano (nos EE.UU.) o servizo iTunes Match, que facilita empregar estas posibilidades musicais con música que teñamos no noso ordenador e que non foran adquiridas a través de iTunes (sempre que estean dispoñibles a través da devandita tenda en liña) ata un máximo de 25.000 temas.
A capacidade de iCloud será de 5 Gb para documentos e copias de seguridade, mentres que os contidos descargados de iTunes ou a App Store e as fotografías non computarán dentro deste límite de almacenamento que Apple achegará de balde.
Agárdase que iCloud estea dispoñible no outono á vez que o iOS 5.
