A práctica totalidade das empresas de 10 ou máis asalariados de Galicia dispoñen de ordenador (98,6%), porcentaxe idéntica á que rexistra a media estatal. Un 97,3% das empresas deste segmento dispoñen de conexión a Internet, experimentando un crecemento interanual do 2,5%, e situándose en valores semellantes á media estatal. Son datos proporcionados polo Instituto Nacional de Estatística (INE) sobre o uso das TIC e do Comercio electrónico nas empresas 2010/2011 e que vén de analizar o Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (OSIMGA) da Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica.
Entre as conclusións máis relevantes deste estudo, o OSIMGA salienta a converxencia que experimentan as empresas de 10 e máis empregados con respecto aos principais indicadores deste segmento a nivel estatal, así como a vantaxe do tecido empresarial galego no que se refire ao uso de código aberto e á calidade da banda larga.
O 99,4% das empresas galegas de 10 ou máis empregados con conexión a Internet, acceden mediante algunha solución de banda larga, porcentaxe idéntica á media estatal. Entre as empresas galegas con conexión a Internet, cabe salientar que un 41,3% accede á Rede a través de telefonía móbil de banda larga (3G), superando lixeiramente a media estatal (40,7%).
Por outra banda, cómpre salientar que un 81% das empresas de 10 e máis empregados de Galicia aproveitan as vantaxes da administración electrónica, situándose a 3 puntos da media estatal (84%). Este indicador experimentou un incremento do 19,8% no último ano. Os usos máis frecuentes son a obtención de información e os relacionados coa descarga de impresos e formularios. Séguenlle o envío de impresos cumprimentados e a xestión electrónica completa.
Pola contra, a situación das microempresas con respecto a uso das TIC en Galicia continúa a estar por debaixo da media estatal pero experimenta incrementos en todos os indicadores. Segundo os datos procedentes da citada enquisa do INE, un 57,9% das microempresas galegas dispón de ordenador, 11,8 puntos por baixo da media estatal. Non obstante o crecemento deste indicador en Galicia foi dun 5,7%, lixeiramente superior ao crecemento estatal (5,2%).
As PEME galegas converxen coa media estatal no uso da TIC
Compartir Este Artigo
