
Segundo relembrou a maiores Ana Luísa Bouza, ao abeiro do Plan vense de publicar unha convocatoria para subvencionar o proceso de despregue de banda larga no noso rural ao longo do período 2011-2013, incluíndose para isto un orzamento de 15 millóns de euros. Ao fío desta cuestión, Bouza sinalou que “existe normativa da UE e española que regula a explotación de redes sen que distorsionen a libre competencia, xa que algúns territorios sen cobertura están a convivir con outros onde os concellos ou deputacións toman a decisión de promover instalacións de redes por parte de operadores privados, trátase de empresas galegas con solucións tecnolóxicas que desenvolven proxectos de gran éxito e que están a crear emprego”. En definitiva, o que demanda o partido nacionalista, é que a Administración autonómica explique qué vai acontecer coas empresas que xa achegaron infraestrutura pola súa conta nalgúns territorios cando vexan novas achegas de equipamento e cobertura subvencionadas.
Deste xeito, para a deputada do BNG, é preciso que o Goberno galego informe das previsións que manexa para asegurar os dereitos das operadoras que efectuaron investimentos propios e achegan cobertura de banda larga nos territorios afectados pola subvención. Asemade, instou a Xunta a que explique se analizará a experiencia “positiva ou negativa en anteriores proxectos das empresas que soliciten a subvención así como o número de empregos creados polas distintas propostas”.
O BNG require no Parlamento máis información sobre o Plan de Banda Larga
Compartir Este Artigo
