O conselleiro de Economía e Industria, Javier Guerra presentou hoxe a novo servizo de Diagnose Enerxética on-line para Pemes, ao que xa se pode acceder dende hoxe na páxina web do Inega. Esta ferramenta permite facer diagnoses enerxéticas en liña adaptadas ás particularidades de cada empresa, contribuíndo deste xeito á identificación de medidas concretas de eficiencia enerxética.
O titular de Economía e Industria salientou que «aforro e eficiencia son fundamentais para as PEME que queren mellorar a súa competitividade e rebaixar custos que non engaden valor engadido, así como mellorar a calidade dos seus produtos e servizos e aumentar a identificación dos clientes cos valores dunha empresa que coida da súa contorna».
Guerra explicou que a aplicación ten como principal obxectivo facilitar ás PEME galegas a posibilidade de facer unha diagnose dos consumos enerxéticos asociados ao seu proceso produtivo, ao tempo que se lles ofrecen recomendacións destinadas a mellorar a eficiencia enerxética. Asemade, a ferramenta constitúe tamén unha nova fonte de datos estatísticos, axeitados para analizar a implantación das medias de aforro e eficiencia e do uso das renovables, nos sectores económicos estratéxicos de Galicia.
A aplicación ten dous niveis, un básico e outro especializado, e contén doce bloques temáticos, seleccionados segundo as principais necesidades manifestadas polas PEME, que neste caso concrétanse en: facturación enerxética, consumo térmico, iluminación, instalacións eléctricas, aire acondicionado, frío industrial, climatización e auga, transporte, enerxías renovables e alta eficiencia, mantemento, etiquetaxe enerxética e formación. Deste xeito, o novo servizo de auditoría en liña adaptarase ás necesidades e aos coñecementos específicos do usuario, e pode ofrecerlle solucións concretas.
O conselleiro salientou que a nova aplicación, na que tamén ten colaborado o Instituto Tecnolóxico de Galicia, preséntase como «unha ferramenta innovadora é especializada para dar asesoramento ás PEME, sendo a súa principal vantaxe a capacidade de adaptación a todo tipo de PEME e perfís de usuarios, dende un nivel básico a un perfil altamente cualificado».
Unha ferramenta facilita a diagnose do consumo enerxético das PEME galegas
Compartir Este Artigo
