
Estes primeiros cursos en liña, que desenvolveranse ata o día 11 de novembro, teñen como finalidade dar formación específica aos traballadores e ás traballadoras das distintas administracións públicas na súa lingua de especialidade. Para isto, aproveitan as vantaxes das tecnoloxías da información e da comunicación, que permiten superar as limitacións de espazo e de tempo da formación presencial e, ao mesmo tempo, fornecen de múltiples ferramentas prácticas, visualmente atractivas e fáciles de manexar.
A plataforma virtual dos cursos dispón dunha sección de recursos na que o alumnado ten á súa disposición diferentes ferramentas lingüísticas, así como outro material de utilidade para o desenvolvemento do curso. Glosarios con termos específicos de linguaxe administrativa e xurídica galegas, materiais básicos de consulta, vocabularios con terminoloxías sectoriais de acceso libre na rede, manuais de estilo e redacción, sitios web desde os que se pode acceder á lexislación de interese para o curso, vídeos relacionados coa materia, e unha hemeroteca con artigos xornalísticos e de investigación vinculados con este campo son algúns dos recursos que o alumnado pode consultar a través da plataforma virtual.
O desenvolvemento dos cursos en liña ten unha duración de 75 horas e as persoas matriculadas unicamente deberán dispor dun ordenador con conexión á internet, dun navegador web e dunha conta de correo electrónico.
Para a preparación das probas de Certificación do coñecemento en lingua galega (Celga), a secretaría xeral tamén ofrece formación a distancia desde o 2010. Nesta modalidade, que está dispoñible para o nivel do Celga 1, convocáronse este ano catro cursos, nos que participaron durante o mes de xuño un total de 150 persoas de Galicia e de fóra da comunidade.
Política Lingüística estrea cursos en liña de linguaxe administrativa e xurídica galegas
Compartir Este Artigo
