O hotel Méndez Núñez da capital lucense acolleu, durante esta tarde, a xornada inaugural do seminario sobre Informática Xudicial, Peritaxe Técnico e Proba Electrónica organizado polo Colexio Profesional de Enxeñería Técnica en Informática de Galicia (CPETIG) e financiado pola Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica da Xunta de Galicia.
Nesta primeira xornada máis de 25 profesionais da Xustiza achegáronse a participar nun seminario que contou coa participación do avogado e blogueiro Victor Salgado, e do fiscal especializado en Criminalidade Informática da provincia de Pontevedra, Luis María Uriarte, que abordou o tema da proba electrónica e a súa importancia no proceso xudicial.
A subdirectora xeral de Sistemas de Información e Modernización da Administración Pública, María José García Sexto, foi a encargada de inaugurar a Xornada que, segundo recordou, enmárcase nun convenio subscrito entre o CPETIG e a Secretaría Xeral de Modernización para accións formativas no eido das peritaxes xudiciais e técnicas probatorias e outras actividades dirixidas á difusión da sociedade da información entre os profesionais do sector TIC e a sociedade galega.
Na súa intervención García Sexto indicou que para a Administración autonómica é prioritario o desenvolvemento dos servizos públicos dixitais en áreas de gran impacto social como a sanidade, a educación e a xustiza. Neste último ámbito a subdirectora xeral destacou o esforzo que está a facer a Administración autonómica para integrar as TIC na Xustiza a través do Plan Senda 2014. É un plan a catro anos cun orzamento de 34 millóns de euros a través do cal se están a desenvolver unha serie de actuacións orientadas a consolidar unha infraestrutura tecnolóxica e de servizos robusta e fiable.
O obxectivo deste seminario é informar e concienciar aos xuristas dos avances en materia probatoria nos casos en que interveña o factor informático no proceso, así como dos importantes beneficios da incorporación e uso das novas tecnoloxías no propio proceso xudicial. Co seminario tratarase ademais de sensibilizar sobre a axuda que poden prestar os peritos informáticos nas causas xudiciais e as claves de valoración da proba informática.
Coa celebración deste seminario en Lugo iníciase un ciclo formativo que continuará os días 29 e 30 de setembro coa organización deste mesmo seminario nas cidades de Ourense e Pontevedra.
Máis de 25 profesionais da Xustiza participan na apertura do seminario sobre Informática Xudicial organizado polo CPETIG
Compartir Este Artigo
