O Colexio Oficial de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia (COETG) e a Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica principian o vindeiro 27 de setembro unha serie de xornadas formativas destinadas aos técnicos municipais e responsables dos gobernos locais con competencias en materia de urbanismo e novas tecnoloxías dos 315 concellos galegos.
O obxectivo destas accións formativas é capacitar a estes profesionais na tramitación das licencias municipais para a instalación de estacións base de radiocomunicación, tanto no relativo ás urbanísticas como ás de nova apertura ou funcionamento.
En total serán 20 xornadas formativas, repartidas por toda a Comunidade galega e que se celebrarán nas aulas dos concellos pertencentes á rede de Centros para a Modernización e Inclusión Tecnolóxica da Xunta (CeMIT). As primeiras xornadas terán lugar o 27 de setembro nas aulas CeMIT de Arzúa, A Fonsagrada e Allariz e desenvolveranse no resto da Comunidade ata o 25 de outubro.
A duración de cada xornada será de catro horas en horario de catro a oito da tarde e estarán dirixidas por Enxeñeiros de Telecomunicación con gran experiencia neste campo e pertencentes ao COETG.
Nas clases explicaranse as distintas disciplinas implicadas na tramitación de licenzas municipais para a instalación de antenas, dende a normativa vixente en materia de telecomunicacións ou ambiental, a aplicación do Código de boas prácticas e ordenanza tipo aprobada pola Comisión Sectorial para o Despregue de Infraestruturas de Radiocomunicación (CSDIR) ata aspectos relativos á seguridade e saúde así como as diferentes tecnoloxías dispoñibles na actualidade.
Xornadas formativas para técnicos municipais de urbanismo e novas tecnoloxías nas aulas CeMIT
Compartir Este Artigo
