
Bourio, un dos máximos implicados na posta en marcha da CEG e do seu posterior desenvolvemento (primeiro como vicepresidente e logo como secretario xeral, colaborando ombro con ombro co homenaxeado, Rodríguez Eiras), fai saber no devandito artigo, publicado este 7 de novembro na edición papel do xornal lucense, que un dos eixes fundamentais da CEG segue a ser o seu compromiso a prol dos intereses dos empresarios, fronte aos recelos dos políticos e da parte dos cidadáns que quixeron ver, ao comezo da súa andaina, vontade política. “Pasaron 30 anos e nós seguimos a ser, e seremos, unicamente empresarios”, comenta Bourio, ao fío do que acontece estes días de campaña preelectoral que xa estamos a vivir. Volvendo á celebración da CEG, dicir que collerá corpo en Santiago, no Auditorio de Galicia, no foro empresarial Claves para a recuperación económica, inserido no programa de actividades de celebración dos 30 anos de vida da Confederación. O foro, que contará coa presenza do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, abranguerá diversos relatorios e mesas redondas sobre o noso potencial innovador para saírmos da crise produtiva e, a partir das 9.30 horas, a imposición dunha insignia corporativa ad honorem ao presidente fundador da CEG, Álvaro Rodríguez Eiras.
A CEG conmemora o seu 30 aniversario cun foro empresarial e unha homenaxe ao seu fundador
Compartir Este Artigo
