O programa BIC i-TEAMS de BIC Galicia (dependente da Consellería de Economía e Industria), asesorará a 15 pequenas e medianas empresas de recente creación a definir unha nova carteira de proxectos, co obxectivo de que poidan obter resultados dos mesmos en menos de tres meses. A finalidade de BIC i-TEAMS é que, coa axuda de expertos externos, estas empresas non só definan un traballo específico que dea lugar a un produto ou servizo innovador, senón que tamén, unha vez finalizado o programa, o seu persoal estea preparado para desenvolver por si só os procesos de innovación necesarios para ser competitivos.
Despois dunha primeira fase de diagnose na que se analizaron un total de 25 PEME de base tecnolóxica e de menos de 48 meses, o equipo do programa impartirá formación práctica e asesoramento individualizado en cada unha das 15 firmas participantes. O pasado 26 de outubro xa se celebrou a primeira xornada formativa, sobre a identificación de oportunidades de innovación e hoxe tivo lugar en Santiago a segunda sesión sobre a definición da carteira de anteproxectos de innovación.
Entre as empresas escollidas para desenvolver proxectos de innovación ao amparo do programa BIC i-TEAMS atópanse compañías pioneiras no ámbito dos servizos TIC. Destacan exemplos como a base de coñecemento Classora, cuxa páxina web que conta cunha media de máis de 5.000 usuarios diarios e un millón de páxinas vistas ao mes; ou On-Touch, dedicada ás aplicacións publicitarias novas, como o recoñecemento facial, o marketing de proximidade ou a publicidade interactiva. O Programa BIC i-TEAMS tamén traballará con empresas de enxeñería e servizos para a industria, consultoras de eficiencia enerxética e enerxías renovables, laboratorios químico-farmacéuticos ou mesmo investigación xenética para a acuicultura.
BIC i-TEAMS contribuirá ao desenvolvemento de 15 empresas TIC galegas
Compartir Este Artigo
