O macroportal galego de coñecemento Classora acada xa os 5.000 usuarios ao día

luns, 10 de outubro do 2011 Fernando Sarasketa

O portal Classora, macrobase de datos de orixe galega con medio ano de vida, vén de acadar os 5.000 usuarios únicos nunha soa xornada. Ademais, segundo nos informan os responsábeis da iniciativa, da que xa falamos nesta web para dar conta entre outras cousas da súa posta e marcha ou das súas posibilidades cos nosos sitios persoais, o portal acadou o millón de páxinas vistas ao mes. Para os creadores desta plataforma de coñecemento estamos a falar de “cifras nada desprezábeis” que poñen de manifesto o gran interese que suscita entre os internautas esta base de datos, que permite, entre outras funcións, acceder a todo tipo de datos reais e estandarizados ao momento, cotexando información de tódolos eidos e solucionando dúbidas.
Classora, que como dixemos leva só seis meses en liña, vén da man de catro emprendedores da Coruña, financiados para esta iniciativa polo lucense Jacobo Lázare, director do grupo Disco Azul. Trátase dunha base de datos xigantes de acceso libre e de balde que conta con información oficial estandarizada. A súa creación veu a encher un oco na Rede, cóntannos os seus creadores, “xa que permite consultar coñecemento de todo tipo, representalo de maneira gráfica, velo en mapas, facer comparativas inéditas e unha manchea de tarefas que serven de apoio a tódolos grupos sociais usuarios de Internet, sobre todo a estudantes, analistas e diferentes profesionais”.
A información dispoñíbel para o internauta provén de fontes públicas, engaden os impulsores do portal, e é cargada no mesmo a través de robots automáticos ou mediante a colaboración dos usuarios. Na web atópase un pouco de todo: dende clasificacións deportivas a listaxes curiosas de todo tipo, “como os edificios máis altos do mundo ou os nomes máis empregados, pasando por datos de relevancia para tódolos rankings de empresas ou os últimos e máis recentes datos do desemprego”. Para os impulsores desta plataforma en liña, a súa importancia radica sobre todo en que nos permite ver a información e, sobre todo, ordenala e distribuíla do mellor xeito posíbel, permitíndonos descubrir datos que non coñecíamos sobre a base de datos, “xa que cruza información de cada elemento do mundo con tódalas clasificacións e listaxes nos que figura, compara as evolucións no tempo ou por zonas, representa graficamente os resultados e fai visíbeis estas informacións en mapas”.
Classora está distribuída e artellada en base a unidades de coñecemento e informes. Unha unidade de coñecemento, informan os creadores da base de datos, é calquera elemento do mundo sobre o que se pode acubillar información: unha persoa, un país, unha organización. Un informa, pola súa banda, é un conxunto de unidades de coñecemento: listaxes, clasificacións de toda índole, enquisas, etc. Entre as principais vantaxes de Classora, a raíz do devandito, cómpre salientar que ten capacidade para darlle corpo aos informes en múltiples feituras: táboas, gráficas ou mapas, e mesmo posibilita unha navegación OLAP a través da información. Toda a que se manexa, engaden, está estruturada, “o que permite usos moi satisfactorios por parte de estudantes e profesionais da información”.
O proceso de evolución do portal é continuo, segundo nos contan os creadores de Classora. Arestora, din, manéxanse medio millón de unidades de coñecemento e 15.000 informes. Isto xera, dependendo da demanda de información por parte do usuario, máis de 14.000 mapas e 600 millóns de gráficas comparativas potenciais.
O principio de todo

Detrás de Classora, como dixemos, están catro emprendedores do eido dos negocios intelixentes: Diego Cobelo, Iván Cadernos, Juan Barco e Diana Sánchez. A súa intención era encher na Rede un importante oco: o da información regrada. Para esta iniciativa en particular, financiando o portal e o seu importante proceso de desenvolvemento, contan coa axuda de Jacobo Lázare, investidor de Lugo. Xuntos fundaron na Coruña Classora Technologies, orientada á creación de produtos automatizados para bancos e empresas, que lles permite realizar análises avanzadas de datos e estimación. O proxecto, sinalan, ten vimbios para converterse na base de datos máis importante de España.

PUBLICIDADE