Dende FICOD xa contan cos dedos dunha soa man os días que restan para a apertura de portas do salón, probablemente o máis importante do Estado en materia de contidos dixitais. O foro, que terá presenza galega (como por exemplo a que subministra Dos Espacios, entre outras das que iremos dando conta) comeza o vindeiro día 22 no Palacio Municipal de Congresos de Madrid, ficando coas portas abertas ata o 24 de novembro. Será unha cita para informarnos do que fan outras empresas do sector TIC pero, tamén, para entrar en contacto con algúns dos máis representativos persoeiros disto que se vén chamando a Rede. Por exemplo con Tim O´Reilly, creador do concepto 2.0, que abrirá as actividades programadas co seu relatorio Economías e ecosistemas.
O encontro comezará facendo ruído. De feito, o día 22 tamén está prevista a entrega dos Premios FICOD e os Premios INVI, galardóns dirixidos a recoñecer os traballos mellor feitos no territorio estatal en materia de creatividade e utilidade TIC. Está previsto que participen en FICOD milleiros de visitantes e internautas interesados nas múltiples facetas que adopta a Sociedade do Coñecemento, dende cousas que levamos connosco a través dos móbiles ou os reprodutores dixitais a outras que nos agardan no fogar, no traballo ou en calquera dos sitios que frecuentemos: música, lecer dixital interactivo, animación, produción audiovisual, libros electrónicos, publicidade ou comercio electrónico.
O foro, amais do devandito, tamén contará coa presenza de Pablo Rodríguez, director de investigación e director do centro de internet e multimedia de Telefónica; Tony Marlow, director de Investigación Estratéxica de Yahoo!; Thom Brenner, vicepresidente de aplicacións, localización e comercio de Nokia, Olof Schybergson, fundador e CEO de Fjord; Gary Vaynerchuk, fundador do portal Wine Library e Erik Schultink, CTO de Tuenti, entre outros moitos dos que xa podemos ir recadando información no programa de FICOD, un multitudinario salón que vén da man do Ministerio de Industria e o seu Plan Avanza.
O máis innovador dos contidos dixitais, á vista a vindeira semana no salón FICOD
Compartir Este Artigo
