A iniciativa galega Own the way, da que falamos recentemente para informar do seu portal sobre material turístico innovador, material que é como levar un guía connosco ao que escoitamos cando mellor nos presta, vén de anunciar que vai estar presente na Feira Culturgal, o encontro galego que aglutina, se cadra máis que ningún outro evento, o máis creativo da nosa cultura e da nosa capacidade de dar conta dela. O seu proxecto estrela será o OTW360, unha ferramenta dirixida a xestores de espazos turísticos e culturais que permite, dun xeito simple, económico e sustentable, achegar datos co uso de tablets. A Feira Cultural comeza o vindeiro 2 de decembro, no Pazo da Cultura de Pontevedra.
Volvendo ao proxecto OTW360, dicir que semella ter potencial como para converterse no instrumento que lle saque o máximo partido aos dispositivos e ás redes sociais xa non só como lanzadeiras de información, senón tamén como recursos para a análise do impacto dunha promoción ou dunha achega de coñecemento turístico-cultural, tanto a nivel cuantitativo como cualitativo. Neste senso, o recurso que se presenta soluciona o problema común a todo xestor turístico da actualidade: o problema de como axustar a adaptación ás novas formas de acceso ao coñecemento, por outra banda case obrigada, cuns orzamentos cada vez máis miúdos. “Como resposta a este reto”, sinalan dende Own the way, “achégase un sistema baseado en Android, en breve dispoñible para IOS, encamiñado a axudar ao xestor no labor de difusión e información aos seus visitantes, e todo coa integración nunha única contorna de funcionalidades diversas”. Entre estas funcionalidades, están as de xestión (tracking de usuarios, xestor de contidos, xerador de rutas, itinerarios de visita) e as de comunicación (conexión integrada con redes sociais, integración de subtítulos, ferramentas de comunicación bidireccionais entre usuarios e xestor, etc).
Segundo engaden, estamos ante un sistema “altamente innvovador” cunha chea de funcionalidades vantaxosas, tanto é así que xa recibiu o apoio de diversas entidades, entre as que se conta a Xunta, máis polo miúdo a través do IMIT e do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional. Own the Way, empresa centrada na achega de material tecnolóxico audiovisual para os sectores turísticos e cultural, presentará este seu novo recurso o devandito día 2 ás 13, contando a maiores cun stand propio para explicar, dun xeito continuado e específico, o miolo da súa nova achega e das precedentes. Amais disto, Own the way participará no espazo chamado Garaxe, onde levarán a cabo demostracións de como un usuario pode crear a súa propia audioguía empregando o devandito sistema, recolléndose suxestións das mellores rutas do noso país.
Own the way presentará en Culturgal o seu proxecto para achegar información turística nos tablets
Compartir Este Artigo
