Se os teléfonos intelixentes incrementan o seu número entre a cidadanía e integran cada vez máis funcións, é lóxico que tamén aumente a cifra de operacións de compra a través destes aparellos. Con todo, e malia estarmos a falar dun medre esperado, os números a este respecto non deixan de sorprender. Segundo informan os responsables do portal Encuentraprecios.es, todo apunta a que as compras a través de dispositivos móbiles subirán nun 40% nos vindeiros cinco anos. O crecemento virá parello ao espallamento dun xesto cada vez máis común: o dos usuarios empregando o seu teléfono para ler as características, prezos e vantaxes dos produtos do mercado que lles interesan.
Segundo se engade no devandito estudo da web, baseado nas buscas rexistradas no propio portal nos últimos meses, case 26.000 usuarios (un 6,49% do total de 400.000 usuarios únicos que rexistra cada mes o portal) acceden á dita web (especializada nas buscas de produtos e nas comparacións de prezos) a través de dispositivos móbiles. Xa nun plano máis específico e centrándonos neste portal, dicir que entre as razóns que apuntan a este meirande uso dos móbiles no plano comercial sitúanse os programas e aplicacións que facilitan, precisamente, esta actividade comercial. Dende Encuentraprecios.es, de feito, lanzouse en outubro unha aplicación dispoñible polo de agora para iPhone e que lle posibilita ao usuario, no caso de que busque un produto concreto, establecer relacións entre unhas marcas e outras, entre uns tipos e outros, e obter o resultado que máis lle convén. E todo isto usando o teléfono móbil e sen necesidade de visitar o establecemento físico.
Encuentraprecios.es anuncia un importante medre no uso do móbil para facer compras
Compartir Este Artigo
