A empresa galega Televés, centrada en levarlle ao mundo a súa tecnoloxía propia de telecomunicacións, vén de anunciar un novo logro na súa estratexia de espallamento internacional. Máis polo miúdo, trátase dunha achega de tecnoloxía de servizos de telecomunicacións ao recentemente estreado Juventus Stadium, o novo e multitudinario recinto do club de fútbol italiano, con capacidade para dar acubillo a 41.000 espectadores, 3.600 localidades premium, 120 palcos vip, o museo do club, un área comercial e de lecer de 34.000 metros cadrados e un aparcamento para 4.000 vehículos. Estas dimensións e capacidades de envergadura requiren, como é de agardar, investimentos (122 millóns de euros) e infraestrutura de telecomunicacións á medida. Neste último punto é onde entra en xogo Televés.
Segundo informa a empresa galega, o reto non é doado. Tratábase de converter ao devandito estadio nun exemplo de seguridade, comodidade e, tamén, de aproveitamento das posibilidades das novas tecnoloxías. Televés traballou nisto último a través da súa filial italiana, Televes Corporation, sendo o seu obxectivo concreto dotar a este vangardista recinto das máis avanzadas instalacións de telecomunicacións para distribución de sinais de televisión. Deste xeito, desenvolveuse un proxecto que integra infraestruturas de tecnoloxía dixital con solucións de fibra óptica, televisión sobre IP e vídeo baixo demanda. Este equipamento conta, entre outras cousas, co que se podería denominar “o cerebro da instalación”: unha sala de control dende a que se manexan os equipos que levan os sinais de televisión aos equipos de telecomunicacións repartidos por todos os recunchos do estadio, incluídos oito restaurantes e 20 bares, a área reservada a autoridades, os vestiarios, o club de socios (Partner´s Club), catro suites e 62 sky box (palcos privados), que dispoñen, entre outras estruturas, de pantallas integradas nos asentos. A instalación levada a cabo, informa Televés, “garante a dixitalización e reparto do sinal recollido polas telecámaras, e a súa chegada en óptimas condicións tanto á tribuna de medios de comunicación como a máis de 400 televisores emprazados nas distintas áreas do estado”. O proxecto, levado a cabo na súa totalidade con equipos da empresa galega e de Arantia (filial tecnolóxica da corporación), serviu tamén para pór de relevo o potencial da firma con sede en Santiago no sector europeo. En palabras de Televés, o encargo supuxo “un importante apoio á calidade dos equipos da marca, deseñados e fabricados nas instalacións da compañía baixo o selo de Tecnoloxía europea fabricada en Europa”.
Xa nun plano máis concreto, atendendo polo tanto aos detalles específicos da instalación, dicir que a infraestrutura da empresa galega está presente na instalación dende o primeiro elo da cadea: a mesma captación do sinal de televisión terrestre, que se leva a cabo por medio de varias antenas, entre as que cómpre salientar unha DAT HD BossTech, a antena dixital máis avanzada de Televés. Os sinais, infórmase, son mesturados e subministrados a unha cabaceira en fibra óptica monocanle a través dun transmisor óptico. Os sinais de satélite tamén son captados en equipos Televés, neste caso a través de dúas parábolas con LNB óptico, cada unha delas enviando as canles cara a cabeceira de distribución. Sinalar que esta cabaceira é un equipo modular do tipo Televés T0X, que achega unha saída cen por cen dixital, que se manexa de xeito remoto dende a sala de control do estadio. “Tendo en conta as enormes distancias a cubrir polo cableado”, engade a compañía, “optouse por unha instalación con infraestrutura de fibra óptica tanto na entrada como na saída da cabeceira”.
Os sinais das telecámaras distribuídas por todo o estadio recóllense e dixitalízanse con moduladores propios, enviándose deste xeito tanto á cabeceira principal como á tribuna de medios. Na cabeceira achéganse 18 canles de TDT e elabóranse e ecualízanse os sinais co obxectivo de crear un fluxo dixital que se reparte por todo o estadio, pasando por sete subcentrais de reconversión e amplificación coaxial. Deste xeito, puntualiza a empresa compostelá, os usuarios poderán elixir a canle que desexen en cada un dos 400 televisores cos que conta o recinto.
O fluxo dixital que sae da cabeceira transmítese por fibra óptica, mesmo ao centro estrela da rede de datos do estado, onde se atopan instalados varios equipos, como por exemplo unha cabeceira IPTV e o servidor middleware para o subministro de servizos interactivos e de vídeo baixo demanda. A través disto, repártese o sinal en IP á entrada de honra do estadio, aos vestiarios, ao club de socios, ás suites e aos palcos privados, para un total de 73 televisores. O número de televisores, por certo, incrementarase nun futuro inmediato, cando se lle engadan ao recinto outros 40 palcos privados máis.
Televés leva a súa tecnoloxía de telecomunicacións ao novo estadio da Juventus
Compartir Este Artigo
