O compostelán Edificio CERSIA acolleu a primeira edición de MobileCONGalicia, evento dirixido a desenvolvedores de aplicacións móbiles e outros profesionais interesados neste sector emerxente, cun grande éxito de convocatoria, que demostrou o atractivo da xornada, tanto polo relatores de primeira fila que abordaban áreas moi dispares, como polo mero feito de xuntar a unhas 170 persoas involucradas dalgún xeito no creación de aplicacións para dispositivos móbiles para plataformas como iOS, Android e Windows Phone. Como grande sorpresa antes do evento, Zadia Software estreou o día anterior unha aplicación non oficial do mesmo que podía descargarse de balde do Android Market e que achegaba información sobre a localización do Edificio CERSIA e a programación do encontro.

Destacando entre desenvolvedores de Android e iOS, Eugenio Estrada fixo un achegamento a Windows Phone, plataforma cada vez máis atractiva, do que destacou tanto o seu potencial como as facilitades que está a pór Microsoft para achegar desenvolvedores á mesma.
Alberto Gimeno, pola súa banda, explicou os moitos modelos de negocio que hai ao redor das aplicacións móbiles, co que pretendía abrir os ollos ao auditorio sobre as posibilidades de tirar proveito económico do sector, indo máis aló do cobro por aplicación ou da venda de publicidade.
Tras unha pausa, dirixíronse á audiencia Ricardo Varela e Martín Pérez, para falar de web móbil (e API) e doutros xeito de facer aplicacións móbiles respectivamente, collendo o seu relevo para pechar a mañá Elena Pérez (de Spartanbits, compañía destrás do popular Go!Chat), quen pese a estar moi nervosa na súa intervención, non dubidou ao facer firmes aseveracións sobre os fallos habituais tantos das aplicacións para Android como do propio sistema operativo de Google, no que a interface se refire. Deu numerosos consellos sobre o deseño de aplicacións para que sexan máis doadas de manexar, para conseguir así unha mellor aceptación por parte dos usuarios.

Jordi Bonet (Softonic) falou das novas tendencias no sector das descargas legais de aplicacións, Hermes Piqué detallou o uso de Unit Testing en iOS e Nacho Sánchez puxo fin á evento abordando o tema de vivir facendo aplicacións móbiles, no que quedou nunha mera promoción do emprendemento, posto que Alberto Ruibal xa deixara claro que é un modelo de negocio sustentable (chegando incluso a dicir os ingresos mensuais que conseguía coas súas aplicacións para Android).
Tras os relatorios, o salón de actos do Edificio CERSIA acolleu a celebración do concurso de aplicacións móbiles AppCircus.
Máis de 170 profesionais deron vida á primeira edición de MobileCONGalicia
Compartir Este Artigo

