Este martes 13 de decembro, trala asemblea xeral extraordinaria de socios, a Asociación Ineo celebrará a segunda edición do seu Encontro Empresarial do Sector TIC Galego. O acto, informa a entidade empresarial galega, dará continuidade aos froitos acadados na anterior edición (afianzamento e unidade do sector galego TIC) e buscaralles o máximo aproveitamento. Está previsto que dea comezo a partir das 16.30 horas, no Hotel Talaso Atlántico de Mougás, en Oia, logo dun almorzo-comida previsto para as 14.00 horas. No transcurso da xuntanza, entre outras cousas, Ineo nomeará o seu primeiro Socio de Honra, unha distinción que a entidade empresarial entrega por vez primeira (dende a súa constitución en 2006) e coa que recoñece de xeito público o labor dunha persoa, organización ou institución pública na defensa e pulo do sector TIC galego.
En opinión de Ineo, este que vivimos é o intre para tirar partido da dita unidade acadada, estreitando fitas e ligazóns co resto dos sectores produtivos. Por esta razón, están convidados ao encontro non só os empresarios TIC senón tamén os dos restantes eidos económicos.
Tamén se fará fincapé na necesidade de contar coa presenza dos representantes do eido político, entre eles, o conselleiro de Economía, Javier Guerra, o director xeral de I+D, Ricardo Capilla e máis a secretaria xeral de Modernización, Mar Pereira. Tamén fará acto de presenza o presidente de Ineo, Jorge Cebreiros, na imaxe. Segundo informou Cebreiros ao fío desta xuntanza prevista para mañá, “a primeira edición do encontro, celebrada en Vigo en decembro de 2010, serviu para consolidar a unidade do sector; agora é o intre de aproveitar esta unidade para estreitar ligazóns co resto dos sectores empresariais”.
Ineo organiza este martes o seu segundo encontro empresarial do sector TIC
Compartir Este Artigo
