A vindeira fin de semana Salamanca vai acoller unha desas xuntanzas en que se fala moito das novas canles de expresión e comunicación, algo que en Código Cero nos colle ben de preto, por ser basicamente o miolo desta web. Falamos de #kedarte, unha cita para blogueiros, tuiteiros, facebookeiros e seareiros, en definitiva, de todas as redes e comunidades sociais de meirande potencialidade e actualidade. A xuntanza, con todo, ten dúas patas: por unha banda temos a devandita pata 2.0 e, pola outra, a creación en si mesma. De feito, non se chama #kedarte por casualidade.
O seu obxectivo é favorecer un escenario para compartir experiencias arredor das redes sociais e de como estas son quen de intervir no espazo artístico, no propio artista e, tamén, no público destinatario. A xuntanza levarase a cabo en varios espazos diferentes, entre os que se inclúe o DA2 Salamanca (centro de arte contemporánea) a partir das 19.00 horas do 16 de decembro e máis o Club Calamar, xa pola noite.
Tamén están previstas actividades no concello de Morille, considerado polo equipo da organización como unha vila exemplar en creación e difusión cultural e, polo tanto, altamente “visitable”. Esta visita levarase a cabo a partir das 10.00 do día 17. Algúns dos participantes son Eduardo Díaz (Grial, Usal), Left Hand Rotation e Urtzi Ibarguen (Reactivos), entre outros. Organiza La Lata Muda, da man de Francisco Porto.
Encontro blogueiro-artístico en Salamanca da man de La Lata Muda
Compartir Este Artigo
