A creatividade galega aplicada nas novas tecnoloxías seguen a darnos boas novas no que se refire a accesibilidade e loita incesante contra as barreiras de toda índole. Un exemplo recente disto é a aplicación PictoDroid Lite, ferramenta da que xa falamos en Código Cero con motivo da súa concorrencia na edición compostelá do certame Appcircus, onde se destacou moito o seu valor social, e que se dirixe a mellorar, por medio de pictogramas, a comunicación das persoas con diversidades funcionais e cognitivas. Esta ferramenta vén da man do Grupo de Tecnoloxías da Información (GTI) do Campus de Vigo e o Centro de Educación Especial Manuel López Navalón de Santiago, xurdida ao abeiro do seu proxecto común Accegal.

PictoDroid Lite, engádese dende a Universidade de Vigo, é un recurso para dispositivos Android que permite aos usuarios comunicarse a través do uso de pictogramas, signos que representan esquematicamente un símbolo, obxecto real ou figura. Esta versión Lite só permite expresar accións moi concretas, sen a opción de dar forma a oracións máis complexas. Por exemplo, permite crear frases con suxeitos como “imos a…” ; “quero xogar…” ; “quero ir ao baño”; “quero beber…” ; “quero comer …”, etc. Ao completar a escolma de pictos, o sistema procederá á lectura da frase formada. “Outra vantaxe é que todos os pictos poden ser modificados ou eliminados e é posible engadir tantos como sexa necesario”, infórmanos a Universidade.
PictoDroid Lite está dispoñible no Android Market e pode descargarse directamente da páxina de Accegal, na que está tamén o manual de usuario. Ademais, a web ofrece vídeos titoriais tanto sobre o uso como sobre a instalación e os creadores están á disposición dos usuarios que precisen a súa axuda para adaptalo a necesidades e condicións concretas, así como para actualizado segundo as demandas. A aplicación emprega os pictos de ARASAAC, creados por Sergio Palao e distribuídos con licenza Creative Commons, aínda que é posible configurala para utilizar outros pictos e incluso imaxes reais.
Con esta ferramenta, informan os seus responsables, tamén se quixo facer fronte común contra un dos grandes males da Sociedade da Información actual: a boa cantidade de atrancos que pon no camiño das persoas con diversidades funcionais para acceder a todo tipo de servizos e contidos e, por outra banda, o desorbitado dos prezos das aplicacións dispoñibles no mercado e precisas arestora para que determinadas persoas poidan tirar partido dos recursos informáticos e tecnolóxicos.
Presentada unha aplicación galega que mellora a comunicación de persoas con diversidades funcionais e cognitivas
Compartir Este Artigo

