Seguimos a falar do Centro de Supercomputación de Galicia. Logo da información dada esta semana sobre os traballos a despregar no seu seo, en materia de seguridade, pola firma Emetel, agora toca falar dunha fonda reestruturación do seu sistema de almacenamento de disco, proceso que dirixido, entre outras cousas, a cumprir de xeito máis completo cun requirimento a todas luces inelúdibel: o da optimización do consumo enerxético. Máis polo miúdo, os traballos de reestruturación baséanse na achega dunha nova cabina (EMC VNX 5500), que vén a renovar as que daban servizo ao FinisTerrae, o Supercomputador Virtual Galego (SVG) e outros equipos do centro que xa deixaran atrás a liña do rendemento óptimo.
Tras un período de probas, cóntanos o CESGA, a nova infraestrutura púxose en produción no mes de outubro e arestora está plenamente operativa. Entre outras cousas, isto significa un novo chanzo no camiño cara a mellora do almacenamento do CESGA, “reducindo compoñentes redundantes e conseguindo un importante aforro enerxético que permite prestar mellor servizo cun menor custo”. Ás novas estruturas chegouse a través de concurso público, no que participaron 10 firmas do sector TIC. No certame tivéronse en conta criterios tecnolóxicos e de soporte, así como de aforro e rendibilidade enerxética. A cabina seleccionada, que vén da man de Bull España, insírese na gama VNX e, segundo informa o CESGA, é líder no seu segmento “grazas á súa arquitectura modular unificada, optimizada para explotar os beneficios dos novos discos de estado sólido (SSD)”. Este equipamento achegaralles múltiples vantaxes aos traballadores do CESGA e máis aos seus usuarios en xeral, xa que poderán acceder, estes últimos, a máis capacidade de memoria, máis fiable e con meirandes funcións, permitindo incrementar a velocidade dos cálculos “de maneira moi considerable”. Polo que respecta ao propio centro, posibilitaralle importantes aforros de enerxía, xa que o gasto será dez veces menor cos novos equipos, a xestión máis sinxela e o control máis centralizado.
O novo sistema foi cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) a través do Subprograma de Proxectos de Equipamento Científico Tecnolóxico da Dirección Xeral de Investigación e Xestión do Plan Nacional de I+D+i do Ministerio de Ciencia e Innovación, así como pola Xunta de Galicia e o CSIC.
O CESGA mellora o seu sistema de almacenamento cara a un maior aforro enerxético e rendibilidade
Compartir Este Artigo
