A galega Emetel, encargada da mellora da seguridade de CESGA

martes, 27 de decembro do 2011 Redacción

A empresa galega Emetel, especializada en desenvolvemento de novas tecnoloxías, vén de resultar adxudicataria do concurso público do novo sistema de seguridade perimetral do Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA). A través desta convocatoria cunha base de licitación de 177.000 euros, sinala Emetel nun comunicado, a compañía afrontará a renovación dos servizos de seguridade do dito Centro, elementos de especial relevancia nas instalacións do CESGA, tanto por infraestruturas (dá acubillo a algúns dos supercomputadores máis potentes do mundo) como polo elevado número de persoas e entidades que tiran partido dos seus servizos. A través da achega de Emetel, “adquírese unha protección axeitada para garantir a seguridade dos sistemas de información e dos seus usuarios”, permitindo manter estes mesmos niveis de salvagarda dos datos e das comunicacións se algún dos devanditos usuarios traballa a distancia.
O labor de Emetel terá unha importancia ben salientable, e máis se temos en conta que o CESGA é o motor computacional e de cálculo dunha boa parte da nosa comunidade científica, académica e tamén empresarial. A través do Centro, informa Emetel, “as tres universidades galegas obteñen a súa conexión a Internet, polo que calquera persoa que se conecte a algún dos sete campus realmente farao a través dos seus servidores, ao que cómpre engadir a gran cantidade de empresas que están adscritas ao Centro para facer uso dos seus equipos”. Este volume de usuarios e a importancia cada vez maior do seu papel na boa marcha do noso desenvolvemento innovador, o CESGA levou a cabo recentemente unha mellora na capacidade dos accesos das súas comunicacións, cousa que, á vez, precisa dunha posta a punto axeitada dos seus sistemas de seguridade. Aí entraría en xogo Emetel, que, segundo avanza Manuel Lago, o seu director xeral, “aplicará nos traballos a desenvolver no CESGA os maiores estándares de seguridade, un proxecto que arestora atópase en proceso de optimización e que, entre outras cousas, achegará as mellores cotas posibles de versatibilidade ao garantir a independencia dos servizos e a total dispoñibilidade mediante o Centro de Servizos e Soporte de Emetel”.
Entre os aspectos sobre os que incide a proposta da empresa galega figuran o firewall (que controla o tráfico de rede e favorece a protección contra ataques, o control dos usuarios e a xestión da lonxitude de banda), o Sistema de Prevención de Intrusos (que garante unha ligazón limpa e realiza un primeiro nivel de prevención de posibles ataques) e o terminador de túneles SSL (que ofrece accesos seguros a través dun portal web permitindo o emprego dos recursos segundo usuarios, centros e necesidades particulares). Polo que respecta aos beneficios do proxecto de Emetel, salientamos os seguintes:
· Melloras na seguridade. Tanto perimetral, administrando a seguridade nos accesos de todos os centros, empresas e institucións ao CESGA, incrementando os niveis existentes ata o de agora, como de contidos, posibilitando habilitar servizos de antivirus, anti-spam, control de aplicacións e filtrado de URLs.
· Melloras da xestión. Coa posibilidade de despregar cortalumes virtuais administrados por cada centro de xeito autónomo cara ao propio CESGA.
· Mellora da accesibilidade aos servizos. Dende Internet grazas á creación dun portal web seguro e dende as instalacións do propio CESGA, en virtude da posibilidade de xestionar puntos de acceso Wi-Fi (ata 1024) coa mesma infraestrutura.