Os estudantes de secundaria e Bacharelato de agora, que naceron mamando as novas tecnoloxías e a cultura dixital, saben mellor que ningunha outra xeración como se usan os trebellos tecnolóxicos e como se fedella na Rede, porén froito dunha sociedade consumista na que se están a criar (ou malcriar nalgúns casos), as máis das veces descoñecen como usar a tecnoloxía que os rodea dun xeito máis eficiente e tratando de ser máis respectuosos co medio ambiente.
Para atallar este modo de actuar e divulgar unha forma de comportamento máis sustentable entre os futuros adultos do país, o CITEXVI (Cidade Tecnolóxica de Vigo), GRADIANT (Centro Tecnolóxico de Telecomunicacións de Galicia) e ENERGYLAB (Centro Tecnológico de Eficiencia y Sostenibilidad Energética) están a organizar o proxecto EficienTIC, unhas xornadas de divulgación dirixidas a estudantes de secundaria e Bacharelato de toda Galicia que pretenden ensinar a usar as TIC de xeito responsable.
As actividades, que darán comezo a partir do vindeiro 24 de xaneiro, incluirán demostracións e visitas guiadas polos devanditos centros, que se completarán con obradoiros para aprender a utilizar a tecnoloxía que nos rodea do xeito máis eficiente posible, respectando o medio ambiente. Para iso, os alumnos e alumnas comprobarán de primeira man como as enerxías renovables, como pode ser a eólica, poden alimentar as nosas máquinas ou facer funcionar aparellos sen electricidade.
A organización das xornadas, que aseguran que “as prazas xa están cubertas e hai centros en listas de espera”, agardan que as actividades sirvan para achegarlle aos rapaces e rapazas a ciencia e a tecnoloxía, “e que fagan súas ferramentas que permiten un aforro enerxético considerable”, engaden.
As tres entidades colaboradoras, CITEXVI, EnergyLab e Gradiant, desenvolverán as xornadas do propio edificio CITEXVI, inaugurado o pasado verán por Cristina Garmendia (naquel momento ministra de Innovación e Ciencia) e o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo.
A primeira visita dos alumnos e alumnas será o vindeiro 24 de xaneiro, e repetirase o 26 e o 31 e os martes e xoves de todo o mes de febreiro.
En marcha as xornadas EficienTIC para poñer a tecnoloxía do lado do planeta
Compartir Este Artigo

